(Con)vivir

Convivir é necesario. Poñelo vital na nosa realidade cotiá vale ben, se Galiza, neste caso, pretende traxectos de paz e prosperidade sen traumas, que impidan o común desenvolvemento. Os problemas non se amañan con describilos. Nestes momentos, entre os males que nos atinxen, sería ben ocuparse da seguridade alimentaria, pois para minorías haina e para maiorías si, co "in" diante. Movémonos polos peores datos. A fame ábrese e esténdese por Galiza.

Vexamos a demanda de alimentos, as fileiras de cidadáns agardando por comida. Velaí a campaña de "maio solidario" guiada por unha cadea alimentaria. Iso é simplemente unha mostra pequena. Temos diante das nosas ventas, na alegría de nos sentir soltos entre cuncas e copas, cañas e tapas, prazas e terrazas, horarios e parrandas, liberdade e barra libre, as realidades de enormes desigualdades. Se queremos, ben (nos) podemos ver. A cousa non se esconde. Como se está usando a fame? Vólvese unha arma política? Como reaccionar? 

O Goberno de Galicia (x3) defende as grandes empresas insaciables, as cales neste momento, por poñer un caso, polas tecnoloxías (os eólicos tamén), queren levarnos a un servilismo terrible. Elas (cos Gobernos) son felices. Suman poder e multiplican riquezas. Polo mesmo, na relevancia da política, son horas de conectar os reloxos, as ideas de xustiza e dignidade, a prol da equidade, dos dereitos e da convivencia. Velaí unha saída emancipatoria, pois arestora non nos vale o rumbo que nos marcan. Tampouco o mando. Advirtamos que palabra liberdade non está pillada polos fartos por moito que nolo queren facer ver.