Opinión

Baleirado

O baleirado en Galiza é un tema central que necesitamos solucionar. A carta-menú de agora non vale. Pensemos e veremos como no rural, nas mariñas e nas cidades, sufrimos os espazos de nada, pois os contidos vanse e fano xunto coas maneiras de vivir. O “ruralurbamar”, no denominador común de nós sermos, vaise enfeblecendo vitalmente e camiño de se ver moi distinto, pois velaí o que queda e como. O baleirar conxúgase a efectos de onda expansiva. Miremos como nos van petando con accións demoledoras. Van desde o medio natural (eólicos, minaría, verquidos, encoros, agricultura, eucaliptos etc.) ata o industrial e mariñeiro, pasando polos servizos públicos, coidados, sanidade, ensino, idioma e cultura. Nótase, ou?

Somos, como di o profesor Francisco Rodríguez, “ un pobo habituado a negarse a si mesmo, en nome dunha españolidade suicida…”, e así nese ser actúa o goberno de Galicia (x3) alimentando a ignorancia. Promove o sentidiño e utiliza a bonhomía (a inxenuidade?) da xente para desarmala. Así normaliza o “estado da mentira” (e a quen denuncia, atácase). Cando parece que tapa o burato con terra, o que fai é agrandarlle a boca. Nisto usa medios de comunicación amigos como ferramentas de poder (e para nos combater).

Por iso neste baleirado, Galiza “mídese por penas”. Abofé que xa bastan os tons escuros nos nosos días polos que imos cos ollos abertos ao encontro das nosas miserias. O meu avó dicía que “a experiencia cóllese cos anos, pero tamén cos danos”. Teremos o que gañemos, pois dar, dannos pouco. Na complicidade de encher e non baleirar, queremos a nosa casa farta. Imos ver.

Comentarios