Opinión

Aviso

Foise o verao. Hai que recoller froitos para fornecernos no ciclo anual. E daquela tamén botar contas e significar sucedidos para poñelos nas experiencias por danos que serven como avisos para coidarse da que nos cae. Unha é a da nosa lingua “por verao”, que vive e convive nun espazo sensible, e apaña (e así nós) agresións (mesmo con odio) por parte de “visitantes”, quen nalgúns casos deixan moito que desexar coas súas actitudes e condutas. Poden pensar o de que “amplia es Castilla”, pero nós somos nós e hai que recoñecernos. Galiza ten os seus marcos establecidos e niso non hai (nin haberá) volta de folla. Que se deixen de comparacións parvas, ou de valoracións de grandeza, propias de “intelectos” de pouca monta. Que mal entenden a liberdade lingüística e como os dereitos humanos van ligados a esta. Disto o Goberno en Galicia(x3) tamén é responsable e o mesmo do que debese ser a cohesión social. As linguas son unha ameaza ou unha riqueza? Que os centralizadores as consideran un freo? Pois e que? 

Basta de insultos. Xa está ben de agresións. Cando se dea opinión hai que medirse. As palabras non as leva o vento. Os ollos non son para ferir. Respecten a nosa dignidade de ser e estar. Xa bastante hai con que calquera intención normalizadora do uso da nosa lingua sexa sistematicamente anulada a que por riba se ilustre con argumentos de intervencionistas coa “ pillería” da igualdade, da liberdade, da imposición e das utilidades. Que se miren, carallo. Apaguen o freo inmobilista. Estamos sufrindo e fartos de nos conter. Non queremos ser reféns da “igualdade” española (aviso).

Comentarios