Opinión

Apuntamentos

Este Goberno en Galicia(x3) tómanos de auténtica coña. Son quen, que celebrando os corenta anos do Parlamento, de botar fóra a lingua galega (proclamando primaveras cando non fan nada para que saiamos dos invernos) e logo deseguida encartan para sacar a outra. Galego por español. Velaí que poucos gozos e cantas sombras. Obran a escasa exposición do idioma, a uso contado, a contextos forzados, de guión, e a relacións taxadas. Non se lles ve desfrutar co (no) idioma. Non hai empatía. Vivir en galego? Que medo! Nin pensalo! Acabaríase o mundo!

Estamos irados. Velos aí, desde aló e aquí, como seguen tratando de poñer a lingua galega fronte á española e asemade esta (como vítima) fronte da galega. As súas actitudes (perigosas) contra o galego non son diferentes, nin como persoas, nin como personaxes, nin como cargos. Son as mesmas. E nós non podemos permitir unha "invasión" consentida. Non se nos pon doadamente fóra da realidade. Somos coherentes e responsables. E estamos fartos do "marabilloso" bilingüismo (que os nosos inimigos entenden como sinónimo de diglosia), pois nunca axuda á nosa lingua fronte á outra que nola queren meter por onde sexa. Válelles todo.

Basta de cacarexos e de falsas emocións. Aí  están os do "sentidiño" (ese acubillo do Goberno en Galicia(x3). Son os colocados a carón do forte, o español, indo de rebaixas co galego, a mordedelas cos nosos corazóns, que nos din como pensar. Son quen lle restan á nosa lingua para apagala e ila poñendo a morrer. Nisto hai igualdade? Pois que se saiba e non toleen. As porcentaxes non valen. Aínda non aparveamos.

Comentarios