Opinión

Amor e beleza

Xa logo do 12 deste outubro, para moitos de hispanidade, reflíctese a teimosía de seguir pensando que España (e Europa) sempre quixeron "facer as Américas" e así colonizaron o que puideron. Impuxeron lingua e cultura sen pretenderen desandar a historia. Como dixo Koldo Campos: "Europa (España) señora algunha vez, case que sempre golfa" e así pola nosa banda, por Galiza, acabou o San Froilán de Lugo con Peludez índose e coa rumboia a lle marcar o paso a Federico Antón (o de se marchar mañá "para la Habana"). Sen présa xa van chegando os días das San Lucas de Mondoñedo (para cando nos saben ben as uvas por habelas xa poucas). E destas miramos ao lonxe, a pouco máis de medio mes xa debuxamos a feira de Santos de Monterroso, e a andar por ela recordamos cantores nosos, potentes e populares, como no medio do desenvolver do trato comparten ben delas e ben traídas cantigas de cegos. E xa postos un algo máis alá aínda albiscamos os días dos San Martiños, ora o da Carballeira de Francos por terras de Teo, ora os outros moitos de por Ourense. Todos de magostos e polbo, de pan e noces, de viño novo.

En todos a moita militancia na fe popular, en clave de brasas, de tizóns e nos lumes de alumar de noite polos coutos e os outeiros. Velaí como no antedito observamos o que xa pasou e alegrámonos por canto queda por vir e por vivir no que somos xunto con outros máis aconteceres ben comprensivos en tempos de dispor a vida en directo, sentindo plenamente o amoroso que xorde nos días propios, populares, sen fogueterías, onde as intensidades fan que (na nosa identidade) sexamos protagonistas. Que fermoso é ter. E nós moito temos. Aí están a Historia e Tradicións, a Vida e a Cultura. A Lingua. Nós somos pobo. E serémolo aínda de máis amor e beleza traballando e pelexando para que non se normalicen nin o esquecemento nin a desmemoria. Tampouco a perda de vivencias intensas que nos enchen de significado, pois temos claro que sen Cultura vital non hai liberdade posible. Por iso non nos han sacar, nin afastar, do fermoso acto de participar do noso, nin da verdade do que nos determina. Pois nela (con ela) afirmamos a dignidade, azucrámonos na conquista do saber popular e así adonámonos do sentido dos nosos días na esencia fundamental do noso modo de ser. Velaí a responsabilidade colectiva, pois seremos irrenunciablemente unha suma nacional de vivires. Velaí pois o sobresaír firme do amor e da beleza.

A verdade de sermos constitúe o patrimonio das nosas intelixencias. E así traballaremos como pobo creador que ama coñecerse e embelézase cando o recoñecen. Non nos disolvamos en nada espurio por moi vistoso, nin por moito papel de agasallo no que se envolva. Somos suxeitos de resistencia e Galiza, con pulso e tensión, será para nós espazo de sensibilidade e de conciencia para vontades de acción. Un mundo de vida que non deixa as cousas para o futuro, pois quere chegar ao desexado.

Comentarios