Opinión

Alá ha ir

Xa coa festa das nosas letras acabada, que para moita xente vale como flor dun día, que ata foi unha ponte de propaganda turísticoparrandeira con oferta para a cidadanía, agora chega o refestexo, todo un ano por diante, para facer por vida e obras, pois celebrar vale ben, pero quedarse na compracencia non é unha opción. Tócanos pois en clave colectiva e comunitaria (que o individualismo é un risco constante) facer sustancia e propostas para clarificar o presente e intuír futuro. Futuro que non nolo poden pintar outros, pois se a iso lle damos creto, podemos acabar sendo soldados deses tan pintores pintureiros. Tampouco, aínda que cotice, ha ser un futuro na nostalxia, que nos encolla, para que, como feridos dun choque frontal coa realidade, renunciemos transformar o presente. Ollo logo co que lle chamamos "opinión pública". Avisémonos ben, pois somos pobo soberano, humilde polo orgullo de ser, ao que teimosamente (e non só de hoxe) pretenden negar de continuo. Da mesma maneira que o poema 'A liña do horizonte', de Manuel Rivas no seu libro O que fica fóra, nós pobo negado, di que o camiño é o de "a pola liña do horizonte, que nola están a roubar, que pairan sobre nós como rapina", así nos leamos e nos pensemos e así nos vexamos para reaccionar. Que o que marchou, Alberto de Galicia, Galicia, Galicia, Conquistador, e quen quedan, mal encaixan que ninguén, mesmo a realidade, lles leven a contraria. Tampouco remoen a gusto que haxa quen, na horizontalidade e no para todas e todos, anuncien un presente elaborado para Galiza, que alá ha ir, que permita un futuro de ben. Velos aí eles instalados no atado e ben atado e que grazas á súa "sobrevalorada sacrosanta transición" fan reinar triunfante unha democracia de moito nabo e máis aparello. Son verdadeiros (e excelsos) vixías, anxos da garda, doce compañía, que non queren deixarnos nin de noite, nin de día. A que é certo?

Desde o que alá ha ir (ao futuro), coas conciencias altas, sabendo de ansiosos e ansiosas que se cren vir sabidas da casa, conscientes das necesidades compartidas neste noso pobo tan no descontento, a nosa loita estará na intuición comunal de como, tal ferramenta para a paz e o ben, executar  as nosas decisións na soberanía dos e das galegas. Sempre son horas do bo que alá ha ir e por iso tamén son necesarias vías de solucións. Non debemos chegar tarde onde se debe e pode, pois as dereitas (activadas), gustosas de decretaren silencios, atacan as bases da convivencia. As súas ideas callan. E por riba, indo a compás das súas melodías retrógradas, sóbranlle opinadores e medios, a quen lle preguntamos se saben o mal que fan e se así asumirán as consecuencias dos seus actos.

Alá ha ir o presente acordado que nos propoñamos. Establecer as bases inclusivas para a convivencia arredor do ideal colectivo será o sentir ben notado. Loitar é amar. Son moito horas.

Comentarios