Opinión

Abril

Este abril, de república e liberador, chámanos a consideracións pausadas en vista do presente que nos envolve. Unha delas, a do señor Feijóo, tan militante da súa Galicia, Galicia, Galicia que nunha luz inspiradora leu o salmo: "Porque atopou o camiño recto e de nada ten que se arrepentir. E nada ten que probar. E todo o que faga ha saírlle ben e prosperará" e claro, colleu e encheuse de grandeza prepotente e na emoción da súa voz chorosa, créndose tocado pola superioridade para salvar a patria, foise ás Españas entre aplausos unánimes das dereitas, mentres aquí en Galiza, todo o relativo ao Goberno, ao futuro, deixouno nunha "roda", todo aliñado (amañado) en propaganda de unidade, a que se cre virtude política coa que fabricar emocións para silenciar a realidade, a verdade e as ideas.

Outra consideración é a do noso vital desexo colectivo de respirar unha atmosfera de liberdade no posible dunha República Galega, que é dicir futuro, e tamén convivir na fraternidade coa realidade da revolución dos Cravos en Portugal. E por iso queremos que a palabra democracia (na soberanía popular) non funcione como un comodín que esconda máis do que aclare e así determinala con limpeza para revivir a confianza. Con ela non se poden montar solucións en formato de mentiras.

E a terceira consideración vai na concorrencia do trinta, na Abella en Mesía, para facer honra aos "tres Manueles" asasinados (Ponte, Pan e o Asturiano). Eles foron  guerrilleiros, loitadores pola liberdade e defensores da legalidade republicana. Non eran bandoleiros. Para eles, como para as demais vítimas, os Dereitos Humanos aínda non teñen cobertura, pois neste ascenso de autoritarismo, invocando unha paz sen memoria no nome dunha falsa reconciliación e manipulando a historia, querendo formatearnos a memoria desde os distintos Gobernos, non queren saber nada da obxectividade na narración da historia que permita entender de modo preciso como chegamos a este presente, e mantéñense nunha única versión, por suposto favorable a eles, sen lle pedir contas a ninguén e sen remover cinzas incómodas. Que reconciliación haberá sen recoñecer e con esquecemento? Non é de recibo deixar sen efecto o Decreto da Memoria e que non se recoñeza que ao que lle chaman guerra civil foi un levantamento militar fascista contra un goberno lexítimo. A represión foi constante e seguiu na chamada transición, a cal deixou abertas as feridas máis fondas (e portas entornadas polas que se coaron uns cantos "demócratas"). Quen garante a rendición de contas ás vítimas? Polo mesmo seguimos nela teimosamente poñendo enriba da mesa a necesidade da verdade, da xustiza, da reparación, pois non haberá reconciliación se hai esquecemento, desmemoria e unha definición nada clara de impunidade á que lle hai que pór fin. Nunca é tarde, pero hai poucas mostras para o optimismo. Desenvolvamos as capacidades do pensamento crítico que analice os problemas.

Comentarios