Opinión

Abril de libros mil

Non tardamos en chegar a abril. Un mes cheo de vida e que debemos lévalo engordiño como beben as galiñas. Ha prestarnos. Hoxe pola mañá no parque fixeime en especial nos nenos e nas nenas. Noteinas como bicaban a mornura do día. Como lían nos momentos, nas paisaxes e raiolas de sol (e a saber en canto máis). Notábaselle que o facían en si e tamén derredor. Eran suxeitos activados en plenitude. Sacarían as súas conclusións. As miradas feitas lecturas marcaban o que desfrutaban. Ata se lles notaba dozura musical. Algunha ata cantaba. Afirmaban o activo dos seus contidos lectores nesta mañá feita libro.Que soñar esperto. 

E así, o dous de abril, celebramos o Día Internacional (de nacións) do Libro Infantil e Xuvenil. O abril noso dos libros mil a mil. Porque os libros na Lingua e nacidos dos contextos da nosa Cultura son soportes marabillosos de lectura, que de usalos e vivilos, nos facilitan enormes conquistas. Permítennos posuír algo que desexabamos e non tiñamos, pois como alguén dixo: “un libro permite ser o que un non é”. Os libros agardan polos lectores e polas lectoras e median para lecturas activas e críticas. Dan músculo á comunicación expresiva. Axudan ao gusto de descubrir. Nos seus textos (e ilustracións) poñémonos no máxico das palabras, das historias, creando atmosferas lectoras de moitos quilates. Cando na lectura pillamos as palabras e se poñen á roda, fórmase unha fabulosa constelación de fantasías. Canta expresividade emocional en imaxinarios universos. Canto potencial. Xogo e vivencias. Canta comunicación literaria. Moito amor para os libros a mil.

Comentarios