mércores 05/05/21

A reputación

O señor Feijoo demostra ser un pillabán da linguaxe. Agora nótaselle cando vai contra acordos do Estado. En alento escaso xustifica con rebusques o que quere rexeitar. Sóltase “en su hablar” anunciando que o estado de alarma (sen mando único) leva consigo un “custo reputacional”. Unha xoia. Fume. E nese fiar sabemos que aos negros dinlle afroamericanos, pero aínda seguen sendo “negros de merda”. Os expertos infalibles do ensino falaban do “segmento de ocio” para referirse ao recreo e “panel de aprendizaxe” ao encerado. Puro nomeo. E agora vénnos Feijoo con lindezas da linguaxe para cuestionar o estado de alarma e dicir que sería mellor coller por outros vieiros para eludir “custo reputacional”. Pide a reforma da lexislación sanitaria. De que e para quen? Cando os e as sanitarias non paran para frear mortes e ingresos hospitalarios, agora o remedio é unha lei co proceso que leva consigo e coidando das forras que lle poñerán para atrasala canto se poida. Non é sorpresa que na gravidade desta crise de tanta ondaxe, na casa do señor Feijoo, as tres dereitas, para que lles dean as contas para tirar o Goberno, activen valores egoístas, linguaxes espectaculares, aínda que nos leven a situacións inxustas. Ese si é “custo reputacional” (o de xogar con vivos e mortos) e hai que prevelo, pois basta de privilexios para os privilexiados que queren poñer a Administración pública ao servizo do privado. Non alarmen e aténdanlle con medios e cualitativamente ao control da pandemia. Que non pase o de sempre. Pero claro… quen cre que as dereitas pensan no “custo reputacional”?

comentarios