Opinión

O Morrazo en movemento

Estamos a menos dun ano de se cumpri-lo vixésimo quinto aniversario dunha das rebelións populares máis lembradas e de máis éxito, prós intereses da maioría social,  das que se teñen vivido neste país. O conflito cangueiro, en Terra de Morrazo, que se estendeu considerabelmente no tempo e que tivo o seu apoxeo o 1 de xuño de 1989 onde foron ducias as persoas feridas pola represión policial. Felizmente, o pobo gañou esa batalla ante o público telespectador do país e do Estado Español cunhas imaxes que mesmo chegarían a outras partes do continente. Pasarán a historia as asembleas na emblemática Alameda Vella e as mostras de solidariedade vindas de distintas partes do Estado. Tamén discursos pronunciados alí dende o palco por diferentes membras e membros dos colectivos de axitación local. O propio Jon Idígoras achegouse a Cangas pra lanzar, nunha alameda ateigada, a primeira alegación ecoloxista e de defensa do litoral coñecida por quen vos escribe: “Facede co alcalde o que queirades menos tiralo ó mar. Podería contaminarse esta ría tan fermosa que tedes!”.

Estamos a menos dun ano de se cumpri-lo vixésimo quinto aniversario dunha das rebelións populares máis lembradas e de máis éxito, prós intereses da maioría social,  das que se teñen vivido neste país. O conflito cangueiro, en Terra de Morrazo, que se estendeu considerabelmente no tempo e que tivo o seu apoxeo o 1 de xuño de 1989 onde foron ducias as persoas feridas pola represión policial. Felizmente, o pobo gañou esa batalla ante o público telespectador do país e do Estado Español cunhas imaxes que mesmo chegarían a outras partes do continente. Pasarán a historia as asembleas na emblemática Alameda Vella e as mostras de solidariedade vindas de distintas partes do Estado. Tamén discursos pronunciados alí dende o palco por diferentes membras e membros dos colectivos de axitación local. O propio Jon Idígoras achegouse a Cangas pra lanzar, nunha alameda ateigada, a primeira alegación ecoloxista e de defensa do litoral coñecida por quen vos escribe: “Facede co alcalde o que queirades menos tiralo ó mar. Podería contaminarse esta ría tan fermosa que tedes!”.

"Pasarán a historia as asembleas na emblemática Alameda Vella e as mostras de solidariedade vindas de distintas partes do Estado".

A manifestación máis grande que coñeceu esta comarca xuntou a quince mil persoas e serviu, xunto ós duros días de contestación social nas rúas do casco histórico, pra derruba-la maioría absoluta electoral de Lois Pena (PSOE). Hogano moito se fala dos escraches e do asedio a esas persoas que fan negocio coa política a conta do contribuínte. O certo é que xa daquela esta veciñanza anoxada, que camiñaba polas rúas carrexando pedras e pelouros nas faldras e nos petos dos pantalóns, facía visitas inesperadas ás vivendas das concelleiras e concelleiros do goberno que non tiñan a ben dimitir perante a suba, nalgúns casos do 500%, do recibo da contribución e que, veladamente, secundaban a constante represión policial contra as mulleres e homes de Cangas. Como dicimos, unha constante traxectoria de mobilización diaria, e a unidade da esquerda que quixo tomar parte, acabou satisfactoriamente co conflito.

Antes e despois do conflito referido, a Terra de Morrazo coñeceu outros momentos de convulsión social con resultado, na maioría dos casos, positivo pra a maioría popular. Entre eles poderiamos amenta-lo conflito da suba no prezo dos billetes no transporte de ría, “A Guerra das Bateas” ou o delongado conflito pesqueiro do banco canario-sahariano. 

Hai unha tónica nos municipios que integran esta comarca, e tamén na bisbarra de toda da ría, tendente ó asociacionismo aparellada ó valioso costume de emprende-la mobilización e a auto-organización en canto xorde unha problemática social. Un exemplo de reorganización recente é a constitución do Foro Social de Cangas que canalizou dende o 2004, xunto co colectivo mariñeiro, a loita contra a especulación urbanística e a destrución dos recursos pesqueiros en Massó e na Ría de Vigo. Coido eu, tamén, que a tenza das dúas únicas concellerías independentistas (agora na oposición) no país dentro dunha coalición de vocación frontepopulista que conta con outro concelleiro máis, son signos máis ca inequívocos de por que vieiros e rumbo contestatario se moven os axentes máis activos e as súas bases sociais nesta comarca.

"Non sorprende que, dende hai máis dun ano, haxa concentracións e marchas semanais de forma ininterrompida en Cangas secundadas polas agrupacións cívicas máis activas da comarca"

Non hai dúbida de que cada comarca e cada entidade local neste país ten as súas propias formas autoxeradas de contestación social. Deste xeito, as súas capas populares e tecido asociativo desenvolven, segundo o contexto socio-xeográfico do que falemos e segundo o momento histórico, un xeito propio e totalmente lídimo de se autoorganizaren. Nosoutras e nosoutros témo-lo noso que non é mellor nin peor que o de ninguén, nin ten por que se-lo unicamente válido. Simplemente, en Terra de Morrazo fanse valer unhas formas de entende-la revolta que é produto, penso eu, e vén determinado, por un lado, polo carácter marítimo-costeiro, a proximidade á cidade máis grande de Galicia que contou ata agora cun potente movemento obreiro curtido na loita que se nutre de toda a contorna, ademais de estaren presentes uns compoñentes locais de tipo social e histórico que desenvolverían na súa totalidade un panorma socio-político particular con semellanzas pero tamén con disimilitudes con respecto ó que acontece na meirande parte do país. 

Dende o noso punto de vista, no momento actual de precariedade e de violencia capitalista non cabe senón mobilizarse de forma planificada pra derrubar este marasmo de destrución que nos vén imposto. Non facelo, a estas alturas, convértese practicamente nun acto de colaboracionismo cos actores do capitalismo e cos poderes fácticos españois e que traballan pra o españolismo centralizador nas súas diversas formas. As forzas vivas das que nos falaba mesmo o propio Vicente Risco.

Polo tanto non sorprende que, dende hai máis dun ano, haxa concentracións e marchas semanais de forma ininterrompida en Cangas secundadas polas agrupacións cívicas máis activas da comarca. Estas entenden que a mobilización permanente é unha obriga fronte ó desastre social que está a provoca-la estafa do capital dentro do contexto dun réxime insalubre, putrefacto e corrompido ata a cúspide como é o borbónico.

"O vindeiro 17 de agosto vai se-la quenda de Moaña pois entendemos dende a Terra de Morrazo que a mobilización ten que ser permanente e extensiva a outras partes do país".

Pra conmemora-lo ano de mobilizacións e en apoio dos pensionistas no estranxeiro, fundamentalmente, o pasado 20 de xullo tivo lugar nesta vila unha concorrida manifestación de miles de persoas que percorreu as principais rúas con berros de rexeitamento contra a familia real e contra o capitalismo nunha marcha encabezada por estes xubilados. Ó final da manifestación, dende o palco da amentada Alameda Vella, nun comunicado expresado polo propio colectivo de afectadas e afectados por Facenda, reclamáronse os dereitos que como nación que quere ser libre lle corresponden a este país. 

O vindeiro 17 de agosto vai se-la quenda de Moaña pois entendemos dende a Terra de Morrazo que a mobilización ten que ser permanente e extensiva a outras partes do país. Primeiro Cangas e agora Moaña non son máis que os dous primeiros chanzos quizabes xa encetados pola exitosa folga comarcal de Ferrol. Nas nosas mentes, nas nosas analíticas non escapa, e así o reclamamos cada venres, a necesidade dunha e de máis folgas xerais, do mesmo xeito que se denuncia a desidia incomprensíbel do sindicalismo maioritario que, ademais, é clave pra entendermos a situación na que estamos.

Nós, nosoutras e nosoutros se queredes, sairemos á rúa o vindeiro 17 de agosto. E terán que vir máis mobilizacións na comarca e en todo o país. A contestación social ten que medrar e tense que multiplicar. O Vietnam e os moitos Vietnam que aconsellaba o Che Guevara. Cando se entenda que a mobilización non é cousa dun día ou dun día de feira e que canta máis unidade haxa, desbotando intereses tácticos e partidistas, beneficiarase á clase traballadora e ó país, mellor nos irá. O que sobran son motivos.

Comentarios