Trinta moedas de prata

Barco ás pedras! Obxectivo conseguido! Julio Abalde, ex reitor da UDC, tomará posesión como novo subdelegado do Goberno de España para a provincia da Coruña. Este nomeamento, que podería pasar –e pasaría polo xeral– desapercibido, ten, sen dúbida, un contexto claramente sorprendente. En primeiro lugar, que a actual subdelegada mantiña un traballo que, para os socialistas coruñeses, non era negativo, senón o contrario. En segundo lugar, que Abalde, quen renuncia a unha acta cuxo mandato remataba no 2028, non poderá manterse nese cargo máis dun ano, xa que cumprirá 70 en breves.

Entón, para que? Para que estes cambios que poden non entenderse e que, unha vez máis, arrollan, como non, a unha muller? A manobra deixa vía libre para que Aitor Bouza –si, ese que non conseguiu os votos para ser concelleiro ou deputado– poida ocupar, por fin, o cargo público que lle garanta visibilidade, soldo e, especialmente, o tan necesitado poder -aínda que ínfimo por non estar no goberno- na capital de Galicia. 

Desde hai varios meses, Santiago de Compostela quedou con tan só catro edís socialistas: Gonzalo Muíños, Mercedes Rosón, Mila Castro e Marta Álvarez. O PSOE, pola contra, quedou con dous. Non é unha ironía. Hai catro persoas que renuncian a todo o privilexio por manter o seu compromiso. Hai quen, "donde digo Diego digo digo", hoxe lavan as mans como Poncio Pilatos. Marta Abal, quen foi incluída nas listas socialistas pola insistencia de Rosón no ano 23, e, especialmente, Sindo Guinarte, unxido voceiro, recibiron, coma Xudas Iscariote, as súas correspondentes moedas de prata. O perdón político de quen non ten moral nin indicio de bondade. A traizón en política semella ser a tónica habitual –Casado con Gamarra pode dar fe–, mais a realidade é que este tipo de movementos nunca deixan de doer.

Ironicamente, a política compostelá gañou catro edís sen cadeas. Tristemente, a política galega vén de se volver ver danada cun novo deputado que só procura a desexada cadeira no Hórreo. O soldo, o prestixio, a prensa. O PSOE atravesa, sen dúbida, un dos seus momentos máis críticos na historia de Galicia. Xa non é só o pírrico número de deputados, que os deixou por baixo de dúas cifras, senón as perspectivas de futuro. A marcha de Abalde, quen a pesar dos seus erros como reitor coñecía e coñece a educación galega, deixa o posto para quen só coñece a política como un modo de vida, para quen presumía de ser profesor sen efectivamente selo.

É por iso que, cando se len estas novas, as do triunfo da barbarie por riba da razón, un non pode deixar de lembrar aquel Pleno no que todo rachou. Tampouco un filme de Amenábar. Obviamente, a realidade é prosaica, pero un non pode deixar de imaxinar a Mercedes Rosón, naquel pleno que consumou os feitos, enarborando unhas palabras que fixeron historia: "Venceredes, pero non convenceredes. Venceredes porque tedes sobrada forza bruta, pero non convenceredes porque convencer significa persuadir. E para persuadir, precisades algo que vos falta nesta loita: razón e dereito".

A cidade na que vivín seis marabillosos anos da miña vida merece máis. Merece edís que poñan a cidade por diante dos partidos. Merece a persoas que están dispostas a rematar a súa traxectoria política como parias sen fogar por defender o que é de todos. Merece, en definitiva, ter representantes que a queiran e que, con erros e acertos, acrediten nela. Trepas e interesadas sempre haberá de abondo, con acta nova no Parlamento ou cun posto en listas conseguido grazas á traizoada.

As 'díscolas', palabra que odio pero que representa a realidade, seguiron facendo o traballo que mellor saben facer. Representar os votantes. Si, non deixar a ninguén tirado por colocar unha amiga de Coles (concello da provincia de Ourense). E, sobre e ante todo, non se deixar manipular por figuras como Bernardino Rama ou Marta Álvarez Santullano. Ou, peor, polo parvo útil de toda a historia. Ningunha operación a esta escala se plasma sen o visto bo de quen lidera. E o señor Garañón, José Ramón Gómez Besteiro, ou practica a idiocia política ou é cómplice voluntario nunha iniciativa que busca deteriorar, máis, o PSOE na cidade que, salvo oito anos, sempre gobernaron.

Hoxe, o socialismo compostelán de partido desapareceu. Nos seus restos, catro mulleres e homes cuxo punto de partida debería ser o 2027. Compostela agarda voces ceibes.

Comentarios