Tambores de guerra

O ambiente de crispación permanente no que se instalou a política española recórdanos, semana a semana, a importancia de coidar a nosa democracia. Si, seino. Moitos dirán, hoxe, que non vivimos nun sistema democrático, con garantías etc. Pero a realidade é sempre máis complexa que as proclamas baratas. Vivimos nun sistema mellorable? Si. Vivimos nun sistema que nos protexe e que nos dota de moitas garantías? Tamén.

Esta fin de semana, unha voda e un enterro cubriron os dous principais partidos do Estado español. Alberto Núñez Feijóo recibiu os plenos poderes por parte de todos os sectores do Partido Popular, creando unha directiva con mans libres e sen voces públicas altisonantes. Ninguén se opuxo a el. Ninguén quere ser o responsable de darlle munición ao PSOE nas horas máis baixas de Pedro Sánchez na Moncloa. Facelo quedaría como unha mexada fóra do testo.

Pedro Sánchez, pola súa banda, afrontou no seu Comité Federal outro golpe, directo á pouca credibilidade que podía aspirar a ter despois dos últimos escándalos que sacudiron o seu goberno e o seu partido. Outro membro do seu partido, Paco Salazar, que formaba parte do goberno central e que ía estar na dirección do partido, foi acusado de actitudes machistas, un feito que puxo outro cravo máis no ataúde político do presidente, que afronta esta semana unha comparecencia no Congreso na que os seus socios determinarán a vida que lle resta ao executivo de coalición.

A realidade non deixa de ser demoledora para quen acreditamos na ética da política. A agonía dun goberno que se atopa na corda frouxa prolóngase nunha ladaíña inacabable. Mentres, os seus “colaboradores” fan cálculos electorais do desgaste que supón soster a un Sánchez cadavérico, que camiña como a pantasma do Nadal pasado polos corredores dun goberno que se derruba. O futuro goberno de Feijóo case é xa unha realidade. Diso son conscientes en partidos como ERC, que realizan un control de danos para que o PSOE non os leve polo abismo electoral. A pregunta, sen dúbida, é cando esboroará o goberno e, sobre todo, quen serán os protagonistas da vindeira Moncloa.

As posibilidades de que a o sistema D’Hont e o tamaño das circunscricións eleven a Núñez Feijóo aos 165 escanos son cada día máis elevadas, tendo en conta que o segundo partido en liza, o PSOE, cae todas as semanas nos inquéritos. Nesas circunstancias, a dúbida é quen será o socio de goberno do dos Peares. A súa negativa á emenda de Alejandro Fernández de vetar os pactos con Junts amosa, evidentemente, que os números en Génova pasan por mirar a ambos os lados do taboleiro se fose viable. A necesidade obsesiva de protagonismo de VOX, así como a obriga que existiría de repartir carteiras e, xa que logo, visibilidade, poñen ao líder popular ante a necesidade de reestablecer pontes cos nacionalistas conservadores. Non neste intre, mais si cando pasen os comicios. O erro do pacto con VOX a días das Xerais do 23 non vai volver ocorrer.

Comentarios