Un ridículo internacional televisado

Miles de nenos estralan en anacos de confeti que enchen o ceo da franxa de Gaza. O ex alcalde de Roma, Ignazio Marino, reprocháballe estes días a estoniana Kaja Kallas a inacción da Unión Europea e, especialmente, a súa. “Non vivirei o suficiente para ver o Museo da Destrución de Gaza… Grazas á túa curta idade, seguirás alí. E terás que cambiar de tema ou agocharte, porque non poderás explicarlles aos teus netos como, desde unha posición de poder, representando a Europa, non fixeches o imposible para deter a quen disparaban contra nenos que mendigaban auga e pan…”.

Durante os últimos meses, a presión social sobre a Comisión Europea e sobre os gobernos dos Estados membros medrou de forma incansable. Kallas e von der Leyen realizan, todos os días, o que Feijóo tachou “dun ridículo internacional televisado”. Perdón, iso díxoo por se ter que cancelar a volta ciclista en Madrid debido á presión das manifestacións que percorreron España. Sorprende –ou non, que sei eu– que as persoas que, presuntamente, teñen un ideario de humanismo cristián –dio a Wikipedia– non vexan como ridículo a presenciar, día si e día tamén, a masacre da poboación gazatí, un xenocidio que, sen dúbida, percorrerá os libros de historia como a maior mostra de que a Unión Europea é un elefante torpe, coxo e disfuncional.

Eu, que non son precisamente partidario das manifestacións –a maiores de que en cidades como Santiago de Compostela terminan por converterse en parte da paisaxe humana permanente e, polo tanto, perden os efectos pretendidos–, non son quen de entender o tipo de dobre vara de medir necesaria como para expresar ese tipo de declaracións despois de respaldar publicamente –por acción ou por omisión– o Estado que está a matar a cidadáns inocentes. Seríase capaz de respaldar unha acción similar por parte de Rusia en Ucraína como as que desenvolve Israel? A realidade é que non. A situación leva sendo insostible demasiado tempo.

Outro dos grandes ridículos televisados da semana correspóndelle, sen dúbida, á alcaldesa de Carballeda de Valdeorras, María del Carmen González Quintela. A popular encarouse cunha veciña de Vilamartín de Valdeorras diante de toda a prensa, que cubría un acto coa vicepresidenta do Goberno Yolanda Díaz, cando a veciña lle reprochou a inacción do ente provincial para garantir un acceso en condicións á aldea, o que derivou nun claro risco para a súa seguridade cando os lumes os obrigaron a abandonar as súas casas.

Sorprende que a alcaldesa decana de Galicia –leva desde 1995 no seu cargo ininterrompidamente– fose absolutamente incapaz de manter a cabeza ante os medios de comunicación, optando por unha actitude belixerante tanto na xuntanza como á saída dela, mais tamén resulta rechamante a pronuncia de frases como “Gracias a Dios y a la Xunta”, que revelan a forma de comprender a política por parte dalgunhas persoas.

Por desgraza, semella que imos seguir presenciando moitos máis ridículos internacionais televisados, con estes dous asomando a cabeza cada certo tempo. Unha mostra máis da sociedade na que vivimos –ou sobrevivimos– os disconformes.

Comentarios