Maite Flores e o PPdeG

A Universidade de Santiago de Compostela vén de cruzar o Rubicón do seu proceso electoral máis relevante: a elección da persoa substituta de Antonio López, actual reitor da institución cinco veces centenaria. Con catro candidatas ao edificio nobre de San Xerome, a segunda volta dos comicios deuse sempre por descontada. Desde o comezo, a aposta máis clara era unha contenda final entre Rosa Crujeiras e María José López Couso. Porén, a segunda quedou fóra de combate despois da primeira fase das eleccións, na que Maite Flores se fixo un oco. Flores logrou pasar á segunda volta grazas, eminentemente, ao voto do estudantado, cunha diferenza sobre López Couso que lle valeu ese resultado.

É agora o momento de que toda a comunidade universitaria decida entre dous modelos de universidade, pero tamén entre dous equipos humanos e dúas procedencias radicalmente diferentes, con Flores como opción ben vista na Xunta de Galicia e no PPdeG e cunha figura na súa candidatura, Dulce García Mella, que invalida calquera proposta de renovación ou mellora. A figura de García Mella leva anos pairando sobre a USC, sendo, xunto ao xerente, Xavier Ferreira, dous dos principais responsables do atraso e dos problemas actuais da institución. O seu perfil hiperinmobilista, co que se impediu o desenvolvemento de multitude de cuestións –así como de regulamentos en prol do estudantado–, é a tónica xeral que marcaría un mandato de Flores.

Dous anos despois doutras eleccións, as galegas, cómpre volver aludir á situación da lingua no noso país. O galego segue agardando un célebre Pacto pola Lingua que non dá chegado, e o nulo traballo do conselleiro responsable segue marcando o ritmo na toma de decisións para salvarmos o noso idioma. Precisamente, López Campos presumía hai uns días no Parlamento de Galicia do aumento do investimento na área de Lingua, un incremento demandado polos grupos da oposición desde hai anos. Non obstante, estes dous millóns de euros extra –que, por outra banda, habería que analizar a ollos da inflación– non serven de nada sen unha dirección clara.

É importante ter en conta, a pesar de que semelle esquecerse con frecuencia, que o Plan Xeral para a Normalización da Lingua Galega segue plenamente vixente. Este documento non tiña unha data de caducidade e as medidas que nel se contiñan poden –e deben– aplicarse. En carencia dun novo documento consensuado con expertos e oposición, López Campos pode  implementar o PXNLG, aprobado baixo o mandato de Fraga Iribarne e con medidas moi concretas en ámbitos como o educativo. Ou, simplemente, estanos a facer perder o tempo?

Aínda que, para perdas de tempo, é fundamental referirse novamente aos acordos comerciais que a UE segue a firmar con socios estratéxicos. Ante a deriva dos EUA, que perden o seu papel de socio fiable e viven inmersos nunha febre delirante de aranceis, avergoñamentos internacionais e uunha violación sistemática dos dereitos fundamentais, o executivo de von der Leyen busca mellorar supostamente as relacións co resto do mundo. Non obstante, tal e como estamos observando coas protestas contra algúns destes acordos, é hora de preguntarse que intereses son os que está a defender a alemana e, sobre todo, por que sempre perdemos nós.

Acordos como o de Mercosur son beneficiosos para determinados países –Alemaña, por exemplo–, mais atentan contra o sector primario de Galicia sen obter ningunha contraprestación real. Igual que coas perdas na nosa cota pesqueira, estes acordos seguen a poñer o noso produto nunha desvantaxe real ante unha competencia que produce con condicións moi diferentes –salarios, por exemplo–, e os parches de subvencións non son unha medida real, senón cosmética. A frota pesqueira e mais o agro galego queren traballar con menos burocracia e con máis apoio. As axudas, ao cabo, son pan para hoxe e fame para en canto se acaben.

Comentarios