Os libros non son para o verán

Durante os meses que levo como libreiro –hoxe fago catro–, quedei bastante sorprendido cun feito sobre os libros en galego do que nunca me decatara: os libros máis vendidos da tenda son na lingua do país –Clarión, en Carballo, facía públicos uns datos similares–. As cifras totais son absolutamente ridículas. A agonía das folerpas de Óscar Reboiras, Novela de xadrez de Stefan Zweig, todos os títulos de Inma López Silva… copan os postos máis elevados no ranking destes meses. Non obstante, o resto do fondo en galego ten un movemento patético. Un libro de Chan da Pólvora, un de Boadicea, catro de Espiral Maior –dúas autoras bueuesas están presentes nese selo–, tres de Através Editora etc.

Mais, que une a eses libros que entran e saen da tenda continuamente? A prescrición libreira. Un dos piares fundamentais das cifras de venda é esa conexión que se establece entre nós e os clientes, en que cando queren un bo thriller teñan, á velocidade da luz, un exemplar do libro de Reboiras na man. “Este thriller é boísimo. Ten unha narración hiperáxil, unha trama que engancha desde o minuto un, unhas personaxes que son moi interesantes, os crimes acontecen en dous tempos diferentes e a corrupción urbanística, a ética da prensa e a política se entretecen dun xeito hiper fiado”. Os ollos do libreiro ilumínanse.

Nós, os que levamos entre o 25-30% do prezo de venda ao público –as distribuidoras son as que, en relación traballo-porcentaxe máis levan da cadea–, salvo no caso de Aira Editorial, que proporciona un 50% para as librarías mecenas, somos os que, cando nos piden un libro infantil sacamos primeiro os exemplares en galego de Lola Feroz, publicada en Cuarto de Inverno, ou o de Ai!, da antecitada Aira. “É unha historia superbonita sobre un canciño que se chama Ai. Cando a xente se queixa, el pensa que o chaman e as persoas se enfadan. Entón Ai empeza a chorar. Pero… Atópase a unha rapaza que chora por estar soa e… fanse amigos!”, dígolle á rapazada que observa cuns ollos xigantescos as fermosas ilustracións.

Ás veces, entran persoas que buscan unha tradución. É unha forma curiosa de pedilo, porque a metade dos libros en español son traducións. Pero, entón, a sección de Irmás Cartoné e Hugin e Munin iluminan con luz propia. Empezan a saír A contrafío –obra espectacular do pesimismo do XIX– e O derradeiro verán –unha obra de xénero epistolar ambientada na Rusia de comezos do XX–, de Hugin e Munin. Ás veces, O párroco de Vejlby, o primeiro noir da historia, que temos dispoñible na nosa lingua porque contamos con grandes profesionais no noso sector, como Alejandro Tobar ou Celia Recarey. Esta última xestiona, xunto a Carlos Valdés, Irmás Cartoné, editora responsable de que poidamos ler esa derradeira obra de Stefan Zweig, O conto da criada, Jane Eyre ou A campá de vidro na nosa lingua.

Non podo deixar de mencionar, nesta listaxe de recomendacións encuberta, as marabillas que Apiario deixa caer nas nosas mans. Cun fondo reducido e exquisitamente seleccionado, Antía Otero e Dorés Tembrás déronnos eses Lumes de Ismael Ramos, Celebración de Gonzalo Hermo ou Agosto de Míriam Ferradáns. Hermo, ademais, fíxose co Miguel Hernández de Poesía Moza do Estado español con esa obra.

A realidade é clara. O papel de quen recomenda cando unha lectora despistada entra pola porta dunha libraría é chave. É por iso que cómpre que nos reformulemos as relacións que se manteñen coas distribuidoras, as marxes de beneficios, as facilidades. Eis unha tarefa pendente para o sector e para a Consellería de Cultura que dirixe López Campos.

Comentarios