A inocencia de Villares
Esta semana asistimos, incrédulos, a un circo mediático de dimensións grotescas debido á tipoloxía dos feitos. Obviamente, non me refiro a que a Conferencia de Presidentes Autonómicos fose portada polas linguas nas que se falaba nela –e non polas decisións que poderían mellorar ou empeorar a vida dos galegos–. Falo do esperpento que se iniciou o mércores pasada a media tarde coa dimisión de Alfonso Villares, conselleiro de Mar da Xunta de Galicia, ex alcalde de Cervo e home de confianza do presidente autonómico, Alfonso Rueda.
A súa marcha veu motivada por unha denuncia por agresión sexual, un feito sobre o que, desde logo, cómpre a máxima contundencia. A presunción de inocencia, que fai de nós un estado garantista, ten efectos a nivel xudicial, pero non se nos debe esquecer que a nivel público –e a política é pública e esta denuncia tamén– resulta totalmente fóra de lugar as mostras de apoio cara ao ex conselleiro, sen palabras cara á presunta vítima. Un dos primeiros espectáculos foi, directamente, a propia despedida deste, entre aplausos do seu gabinete. Minutos despois, as publicacións de apoio por parte de conselleiros, deputados etc.
O nome da vítima tardou moi pouco tempo en facerse público e aí residiu outra parte da algarada política. El Diario de León, por exemplo, titulou a súa nova como "Paloma Lago entierra la carrera política del conselleiro do Mar". E moitos outros xornais fixeron afirmacións nas que, unha vez máis, se apuntou cara á denunciante, cara á vítima. Volven ecoar aquí as palabras de Gisèle Pelicot, pedindo que "a vergoña cambie de bando". Cuestionáronse os tempos da denuncia –catro días–, se ela miraba cara a el nun evento de hípica –Antena 3 no seu espazo web, por exemplo–, mais non o feito de que coñecésemos o acontecido varios meses despois.
O manexo do marco comunicativo debería ser, sen dúbida, estudado nas facultades de Xornalismo e de Ciencias Políticas. A imaxe transmitida foi, durante as primeiras horas, dun pobre home que, froito da súa honradez e inocencia, dimitía para defenderse das acusacións dunha muller que presentou unha denuncia falsa. Porque si, cando se afirma publicamente por parte da conselleira de Igualdade que se cre na inocencia do presunto agresor, dise que a persoa denunciante mentiu. Iso é o que tivemos durante varios días no foco. A acusación de estar ante unha denuncia falsa.
A aperta do xoves entre o presidente e o ex conselleiro quedou diluída o venres, cando se fixo público que a denuncia incluía unha acusación de submisión química. A partir dese intre, aquel apoio inicial tornou xa nun afastamento cara aos medios, con matizacións a respecto do afirmado o mércores e o xoves. Pero a mensaxe quedou ecoando igual. Ela, a que acaba coa carreira política del. El, o inocente. Porque, ao cabo, os medios remataron por falar da inocencia de Villares. As fotos e os chíos quedarán aí, como testemuña que, dentro duns anos, sacará as cores a moitos.