Fraga e Trump morreando
A pasada semana estivo marcada por diferentes feitos que, sen dúbida, contribúen a explicar boa parte da situación política actual, con decisións, propostas e medidas que sen dúbida van alén do que se percibe. O berro de Altri non!, co que, como xa comentei, non concordo, foi escoitado claramente polo goberno do Estado, quen, froito da presión social e da posición extremadamente incómoda dos socialistas no país, utilizou as ferramentas que tiña ao seu alcance para cercenar as posibilidades máis claras de que o proxecto se chegue a materializar na Ulloa. Non obstante, que ninguén se confunda: o PPdeG é tamén un gañador claro deste momento.
En primeiro lugar, porque ten unha mensaxe clara dirixida aos seus votantes –lembremos, Rueda non se vai dirixir ao votante da U–, onde vender que o único partido que apoia a industrialización e o futuro laboral de Galicia é o PPdeG, amén do claro retorno en canto ao mundo rural. Despois, foi quen de ter un logro igualmente –“la defensa de un gran proyecto para Galicia que se frusta por culpa del Bloque y la izquierda radical”– sen ter que asumir definitivamente ningún custe ambiental, económico ou social –é a Xunta quen arquiva o expediente, ademais–. E, tamén, a posibilidade de seguir afondando nun mesmo argumentario que xa se emprega de forma habitual, como caracterizar o Bloque como os do non. Non podemos esquecer, aínda que ás veces vivamos en caixas de resonancia, que a inmensa maior parte da poboación non segue con avidez as noticias e consume o contido tal e como lle chega.
Outra das novas foi a relacionada co sempiterno Fraga Iribarne, quen, máis dunha década despois de morrer, segue ocupando titulares en Vilalba e no Senado. A proposta de retirada do busto do expresidente da Xunta do edificio da cámara alta volve é un deses temas que vai dirixidos aos máis acólitos, pois á inmensa maioría da poboación non lle importa un tema dese tipo que é meramente simbólico. As alegacións duns –o pasado franquista– e as doutros –pai da Constitución e presidente durante catro lexislaturas da Xunta– non fan máis que deixar patente o maniqueo da súa figura, toda vez que cada lado ignora manifestamente a parte que non lle convén en absoluto.
A pesar da importancia dos símbolos, e precisamente no día de hoxe, si que cómpre reivindicar o traballo de Fraga Iribarne en materia de lingua a pesar do seu punto de partida ideolóxico. Co seu goberno, a TVG acadou cotas hiperrelevantes na construción de programas identitarios e na conexión coas tendencias daquel momento, aprobouse o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega por unanimidade ou outras decisións que, aínda que non paliaron a caída de falantes –recordemos que ningún goberno o logrou efectivamente–, si contribuíu en múltiples aspectos á dignificación e mellora de condicións da nosa lingua. O plurilingüismo, pola contra, non fixo máis que restar espazos para a lingua propia –que ironía que o amigo de Ayuso quixese quitar o inglés das aulas, non si?
Resulta irónico tamén que Ayuso, defensora del español y de la libertad, non critique precisamente o inquilino da Casa Blanca pola súa marxinación do castelán nos EUA. E, que dicir dos aranceis? Despois dunha confirmación necesaria de que a separación de poderes segue viva, Trump vén de amosar unha nova vez que é un inestable sen ningún respecto cara ao seu país. Após a anulación dos aranceis por parte do Supremo –con maioría conservadora–, ditou un 10% de aranceis xeral, para en menos de 24 horas cambiar a cifra a un 15%. Onde está Úrsula?
A deriva dos EUA demostra a necesidade de reforzar a independencia de todos aqueles actores que toman decisións que afectan a Galicia –UE e España– dese país que non é xa, nin sequera, un socio fiable. A Unión Europea, un organismo loxicamente cuestionado, debe decidir se quere atar o seu futuro aos designios dun imperator ou se vai buscar a lóxica autonomía en todas as materias nas que lle sexa posible. De nada serven os discursos retóricos e as florituras. Na nova desorde mundial, Galicia e a UE non poden permitirse ser lacaias de ningún Estado.