De fracturas múltiples

"Besteiro ha muerto! Larga vida a Besteiro". Esa frase ecoou na cabeza de múltiples socialistas ao longo desta última semana. Sete días marcados pola fractura total e absoluta dos socialistas lucenses e ourensáns. As primarias para elixir os secretarios xerais de ambas as provincias deixan un partido dividido pola metade, especialmente en Lugo, berce político de Besteiro e Méndez, onde José Tomé só se fixo co 58% dos sufraxios dos seus compañeiros.

Cunha rosa que en vez de vermella loce cada vez máis morada dos golpes que vai levando, resulta chamativo e anticipador que o presidente da Deputación de Lugo e alcalde de Monforte de Lemos, segundo concello da provincia por poboación, obteña unha vitoria tan pírrica. A provincia de Ourense tamén queda rota, cun 52% vs. 46%, que deixa unha ferida que, sen dúbida, desangra o partido. Non podemos esquecer en ningún caso que o "vencedor" da noite, Álvaro Vila, obtivo a vitoria grazas ao apoio na cidade das termas, mais o resto da provincia se decantou xeralmente pola súa opoñente, Patricia Domínguez. Queda, xa que logo, un gran camiño para recoser unhas filas socialistas apagadas logo das últimas debacles electorais do seu partido e da perda de poder en diferentes espazos.

Esta semana, marcada tamén polo apagamento do luns, deixou unha sociedade dividida entre os profetas da Apocalipse –que insistían desde a barra do bar en que iamos estar unha semana sen electricidade ou arrasaban cos supermercados durante as poucas horas que permaneceron abertos– e os que desfrutamos relaxadamente de tempo de lecer poñendo un pouco de cordura ao asunto. É evidente que un tema coma este require de explicacións políticas e de, se corresponde, dimisións, mais segue a resultar un tanto histriónico o intento de aproveitamento político desde ese mesmo primeiro día por parte de PP e Vox, unha estratexia que non nos representa a moitas das persoas conservadoras que poboamos o Estado.

A batalla contra a "fractura" no territorio que, en palabras de moitos, representa Altri continúa. As voces de quen defendemos o proxecto quedan opacadas por determinados histrionismos que sacan as cores a calquera. Pretender vender que a futura cheminea será "icónica" ou que ao estar pintada de verde harmonizará coa contorna representa unha absoluta e total falta de respecto cara á veciñanza da Ulloa e cara a todos os galegos e galegas.

Comentarios