Follas Novas: necrofilia literaria

Un ano máis, a Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG), a Asociación Galega de Editoras (AGE) e a Federación de Librarías de Galicia (FLG) convocaron os premios Follas Novas do Libro Galego, un certame que, malia ser o máis relevante neste sistema, adoece desde hai anos de numerosas eivas que o converten, cada vez máis, nun espectáculo falto de relevancia e, sobre todo, cun seguemento pírrico. Unido á falta dunha esfera pública netamente galega que priorice os contidos propios fronte aos alleos, este evento (desprestixiado) non consegue, sequera, xuntar os seus nominados baixo o paraugas do Teatro Principal de Santiago de Compostela (onde ía ser, senón?).

As causas son múltiples, mais basta con deitar a ollada, un ano máis, sobre a listaxe de obras candidatas para ser consciente de que parte do problema está no sistema que se segue para chegar ao sexteto de finalistas, un proceso que resulta en fondas inxustizas e incoherencias, que levan a unha desconexión das autoras e mais a unha falta de “sorpresa”.

Podemos comezar por falar dunha das cuestións, ao meu xuízo, máis sangrantes: a nominación de Filla das ondas, unha obra que non é en absoluto nova. Tanto esta obra de Fina Casalderrey –con ilustracións de Xosé Cobas– e Soño dunha sombra –deste ilustrador– atópanse clasificadas para as categorías de obra xuvenil, libro ilustrado e libro mellor editado. Resulta chamativo que unha obra de 1999 apareza como nominada a obra xuvenil por moi revisada que estea. Sorprende tamén o caso de Cobas, tendo en conta que a obra nin sequera cumpre stricto sensu as bases no relativo a unha publicación orixinalmente en galego –é trilingüe–. Con ambas as obras na man, non se entenden tampouco as nominacións como libro mellor editado, salvo que o que se pretenda sexa, en conxunto, recoñecer a Fina Casalderrey –ou a Kalandraka– e non a súa obra, facéndolle un fraco favor.

É igualmente rechamante a práctica ausencia de editoras independentes en moitas das categorías. A categoría de libro ilustrado só contempla obras das tres grandes (Kalandraka, Xerais e Galaxia), unha situación semellante en xuvenil (cinco de seis obras son deles), en banda deseñada, gráfico e humor (catro de seis), iniciativa bibliográfica (catro de seis), teatro (cinco de seis), divulgación (catro de seis), narrativa (catro de seis), infantil (catro de seis) ou obra traducida (catro de seis).

Tamén é significativa a ausencia das dúas editoriais independentes de tradución, Hugin e Munin e Irmás Cartoné, da categoría de obras traducidas, un feito que non debería pasar desapercibido –tamén, por exemplo, o desprezo cara a Boadicea, especializada na tradución de ciencia ficción–. Ningunha das tres foi nominada nalgunha categoría. Ou que alguén no seu xuízo poida considerar que a saga Curriño, de Ledicia Costas, é unha iniciativa bibliográfica –as bases establecen “recoñecer un libro, ou unha colección de libros, publicados polos seus contidos relevantes e o singular do seu tratamento (fotobiografías, música, receitas de cociña, guías de viaxe,…)”–, categoría na que tampouco remata de encaixar a Serie Hearstopper, aínda que admitamos libro como animal acuático (ou ignífugo).

Mais cómpre tamén fixarnos nun dos finalistas na categoría de promoción da lectura: Espazo lector Nobel Ourense. Non é tan relevante o caso concreto –aínda que si o erro de concibir que, para recoñecer o traballo dunha marabillosa libreira, Celia Fernández Clemente, haxa que nominar a Nobel–, senón o que este remata por representar. Os premios, en xeral, e os culturais, no particular, atópanse imbuídos dunha serie de valores, valores que incluso, presuntamente, se queren defender desde a organización ao aludir á cadea do libro. Mentres existen microlibrarías que apostan pola produción do país –pode ser o caso de Librería Miranda, que, coa dimensión dun quiosco, contribúe a financiar o sector sendo, por exemplo, mecenas de Aira Editorial–, Nobel non contribúe senón a esfarelar o sector libreiro así como a invisibilizar na meirande parte dos seus expositores o libro galego.

Non podemos desligar, pois, unha realidade para o sector literario do país e é que o grupo Nobel e mais Arnoia son exactamente o mesmo. As dúas faces dun mesmo xeito de facer e, en suma, a mesma empresa. O libro galego é puramente testemuñal dentro dese grupo e son, precisamente, os libreiros e libreiras quen, motu proprio, poden fomentar as vendas, mais non é a libraría ou o grupo quen o fai. Abonda con botar unha ollada ao seu propio espazo web para observar como algúns dos libros que se nominan aquí non existen para eles, ou como na súa sección de recomendados non hai obras en galego salvo as de Cumio, selo que pertence ao conglomerado e que ten a sede na nave industrial de Arnoia. Que se supón que estamos nominando? A morte do sector?

Comentarios