Os bolseiros e as fraudes

Nota mental. Como bolseiro que foches, arrincar mandándolles un bicazo enorme a todos os bolseiros e bolseiras do país. Nota mental. Tentar non quentarte mentres escribes este artigo sobre inxustizas e meritocracias. Nota mental. Cres na meritocracia, pero tamén en que a vida está chea de xente sen méritos. Nota mental. NON ELIMINAR NINGUNHA NOTA MENTAL.

Inicio este artigo logo de conversas con amigos, coñecidos e demais familia sobre as situacións que as persoas mozas, que acaban de rematar unha carreira, se atopan nas Administracións Públicas. Eses organismos, encargados de garantir o noso benestar, son, en boa medida, os principais responsables da explotación e falta de respecto cara ás persoas no noso Estado. Si, eses espazos onde hai funcionarios A1 que cobran no mes de xuño máis do que un bolseiro cobra en todo un ano.

Un exemplo recente amósanolo. Os bolseiros de moitas entidades galegas dependentes da Xunta de Galicia non teñen dereitos a días polo falecemento dun familiar, por unha enfermidade etc. Non. Se, por exemplo, falece o teu pai, sentímolo amighiño, pero vas recuperar as horas do velorio, do enterro e de meter o corpo aínda quente nun burato sen vistas. Sempre lembro o caso dun bolseiro que se puxo enfermo no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades e a quen, eses días, se lle descontaron dunha fermosa bolsa cuxa contía é inferior ao SMI en 12 pagas.

Non quero dicir con isto que non haxa empatía. Ao contrario. Pero a empatía non se come, non se vive dela e non pode ser o que rexa as condicións de vida dunha persoa. Se a túa responsable é empática, salvaches. Senón, ao burato. Esta situación, ademais, chama poderosamente a atención debido á celebre palabra que enche discursos, horas de debates e comentarios en redes sociais: “precariedade”. Unha persoa que estivo hai tempo nas Bibliotecas de Galicia comentaba como, sen ter dereito a un só día de vacacións, a súa responsable –se non lembro mal, en Lugo– a ameazou con sancións por ter que saír media hora antes para coller un avión. Si, cobrando unha merda. Si, sen vacacións. Si, nunha administración.

Esta situación volve poñer sobre a mesa o debate sobre o Estatuto do Bolseiro e sobre establecer unha regulación mínima para as condicións desas persoas que, como comentei nun artigo no mes de xaneiro, sosteñen entidades enteiras como o caso do CRPIH. Porque “traballar” –póñoo entre comiñas porque ao seu xuízo non é un traballo, é formación aínda que te deixen só todo o mes sen ninguén que te tutele e facendo unha actividade básica e necesaria para o funcionamento da institución– 35/40 horas semanais por 1000 euros máis xustos que o pantalón en Nadal, sen pagas extras e sen días libres é un luxo. Un luxo que fai que teñas que recuperar as horas dun enterro familiar. A empatía, ás veces, é tan utópica como a meritocracia.

Comentarios