Sen barqueira e remador

Na política e na cultura, as cousas de comer son fundamentais. É obvio. Todos temos unha serie de necesidades vitais que cubrir. Casa, comida, facturas, impostos. E libros. Montes e moreas de libros para nos entreter, para aprender, para repensar. É curioso como, polo xeral, aquela tipoloxía destinada a reflexionar máis polo miúdo –o ensaio– suscita menos debates internos ca o teatro, a poesía ou a novela. Non obstante, sempre hai algún que outro ensaio que xera conversas, anotacións e, polo tanto, críticas.

Cando chega un ensaio ás miñas mans, unha das primeiras cousas que me gusta facer é analizar a biografía da autora, saber cal é a súa experiencia. E, especialmente, desde que punto vital e real fala. Quedan arredadas as imposturas, o finximento, o intentar aparentar. É por iso que, desde hai meses, quedou remoendo polo aire o último libro de Yolanda Castaño, no que a autora, desde unha atalaia moral, vén dicir a todo o sector o que debe facer ou non cos cartos, se se lles debe cobrar a todos os que chamen á porta dunha autora ou como de divinas han de poñerse estas. Evidentemente, as persoas deben cobrar polo seu traballo, mais fica na súa liberdade individual establecer o como e o canto e, como indicou por exemplo Susana S. Arins, "como vou cobrar uma atividade à ACD Dorna (por pôr um exemplo), se aí pude aprender todo o que sei sobre navegação tradicional e escrever depois A noiva e o navio?".

Pero, especialmente, creo que o propio cerne desde o que parte Castaño é errado ou inxusto. Errado se o fai inconscientemente. Inxusto se ignora o seu privilexio a mantenta. Porque, como é lóxico, parte da súa posición dentro do sistema comercial da literatura galega –que non do sistema literario– emana da súa participación en diferentes programas da CRTVG, da súa etapa como "experta en letras" do Cifras e Letras, por exemplo. Sería pecar de insinceridade trasladar a idea de que as súas contratacións son un punto ao que calquera podería chegar sen o apoio que a ela, loxicamente, lle brindou a televisión pública do país e, despois, por extensión, a proximidade ao poder político e a relación cos seus responsables. Non se trata de cuestionar a calidade que teña como autora, senón subliñar que a súa posición non depende desta. Non é deslexitimar o labor que realizou para tecer esa maraña de redes, senón salientar que o lugar que ocupa se debe a factores á marxe da literatura.

10.000 euros pola organización de nove sesións do ciclo 'Poetas Di(n)versos' –sen contar os gastos de desprazamento, aloxamento, streaming etc.–, á marxe de que se contrate tamén ao seu irmán por 7.865 euros para o mesmo ciclo. 2.200 euros por un texto curatorial para a exposición En pretérito seguinte. 3.532,59 euros pola coordinación do Obradoiro de Tradución Poética Con barqueira e remador. 3.484,80 euros polo comisariado do programa Poldra. E así outros contratos das administracións públicas que podemos localizar na espesura dos webs de transparencia –Residencia Literaria 1863 a parte–.

Non se trata de valorar o avultado volume de fondos públicos (que non contén os gastos derivados da materialización das propostas), ou o propio feito de contratar familiares para desenvolver as tarefas, senón en avaliar se a postura que Castaño defende na súa obra é realmente válida ou non. Porque, non nos enganemos, a posición e, polo tanto, as posibilidades antes descritas, parten de motivos externos á poesía. Débense á terceira pata que lle falta ao título: a política. Sen ela, é imposible entender o resto do relato e eludir esa posición impide que, de feito, o libro poida ter validez ou vixencia no resto de persoas do sector. A omisión dese factor invalida a "argumentación" realizada e os preceptos que sinala no libro quedan en augas de fregar. Porque non, a xente do sector non pode aspirar a isto. E non é por calidade, senón por ese outro motivo…

Comentarios