As bólas do draghón

Este pasado xoves, un grupo de mozos conservadores e profundamente galeguistas realizamos un acto para dar a coñecer un novo colectivo: Lar. Un espazo de carácter político e eminentemente xuvenil e cuxo primeiro acto xerou en nós unha grande alegría. Houbo xente, preguntas e, especialmente, ganas de traballar. Case ao remate, un mozo lanzou unha cuestión que é xa hoxe, nos tempos nos que a lingua escoa entre os dedos de todos nós, un tópico. Que lle diriades a quen quere empezar a falar en galego?, preguntou, antes de engadir que ás veces cometía erros.

A resposta a esta pregunta é tan diversa como persoas poidan responder a ela. O meu consello foi o de sempre: lanzarse en contextos nos que non te coñezan (evitas o momento incómodo de que che comenten ‘Ay! Ahora hablas en gallego’) e ir mellorando aos poucos. Ademais, como lle comentei, é evidente que se alguén ten esa inquedanza vai querer facer o esforzo de mellorar, de colocar ben os pronomes, de eliminar os castelanismos do seu discurso. Aos poucos. Foi o mesmo camiño que fixen eu cando, no meu primeiro ano de dereito, me lancei.

Queremos Galego interpélanos estes días para saírmos a defender e fomentar a lingua. A propia do país, a que naceu na nosa terra, entre a nosa xente, que hoxe en día se ve nunha posición case dramática. Ese 23 de febreiro, igual ca o resto de días do ano, a causa do idioma pídenos que deixemos á marxe as nosas diferenzas. Que non importe se somos de dereitas ou de esquerdas, reintegracionistas ou oficialistas, paleofalantes ou neofalantes. Todos e todas facemos falta para que o galego sexa, ademais da lingua dos nosos avós, a dos nosos netos. Non obstante, hai outro público que tamén é fundamental. O das persoas que falan castelán, pero que queren que o idioma do país teña futuro. Quen non ten hostilidade cara á lingua e que pode apoiar medidas que vaian á raíz do problema, que buscan transformar a realidade social e lingüística.

Para que esa manifestación teña futuro, para que haxa un efecto real sobre as políticas lingüísticas non só fai falla un grande éxito de convocatoria –que haxa xente saíndo aínda da alameda–. É imprescindible que todas aquelas persoas de dereitas que queren esas mil primaveras máis para a lingua se impliquen co acto. Que o goberno galego, e nominalmente López Campos, vexa que os conservadores galeguistas –galeguistas de verdade, non dos do Hacendado– non amparamos un xeito de actuar que busca dinamitar as pontes.

Porque pactar é non chamarlle policía do galego ao Bloque. Pactar é consensuar o coordinador do novo plan. Pactar é consultar os nomes de quen vai coordinar cada unha das áreas de traballo. Pactar é, en definitiva, non impoñer todas as decisións tomadas como está a facer a Consellería de Lingua e empezar a consultar e dialogar de verdade. Esa, neste caso, é a única imposición que existe no eido da lingua galega. A dun goberno galego que pretende aplicar a apisoadora sobre a oposición e os colectivos que defenden o idioma. E aí as persoas de dereitas somos fundamentais. En amosar que os conservadores galeguistas non estamos de acordo con que a lingua sexa o xoguete roto nas mans de San Caetano.

Comentarios