Opinión

Voz e logopedia

A voz é o instrumento de traballo de moitas profesións, incluída a logopedia. Pola relevancia desta función, as profesionais que traballan coa voz, e a poboación en xeral, deben coidala de forma adecuada.

A voz é xerada nas cordas vocais polo paso de aire que sube dende os pulmóns pola tráquea, facéndoas vibrar. Son filamentos musculares recubertos de mucosa que deben estar hidratados para funcionar de forma correcta. Unha hiper ou hipofunción da musculatura larínxea pode provocar problemas na voz.

As persoas con problemas de voz refiren períodos nos que non son capaces de manter o volume habitual ou o seu ton de voz. A este fenómeno chámaselle “disfonía” e remite tras uns días. O termo “afonía”, usado pola sociedade no canto de disfonía, refírese á ausencia total de voz polo que implica maior gravidade e tempo de recuperación maior. Unha disfonía de máis de 10/15 días, debe ser valorada por expertos para buscar a súa causa; igual con periodos de máis de 3/5 días de afonía.

O profesional que deberá valorar as alteracións da voz será o otorrinolaringólogo (ORL). Mediante un exame por estroboscopia (a través da boca) ou nasofibroscopia (polo nariz), verá as cordas vocais e poderá observar a razón pola que se perde a voz total ou parcialmente.

As cordas poden non presentar lesións, mais a función estar alterada tendo unha disfonía hipertónica (por excesiva actividade muscular durante a fonación) ou hipotónica (por insuficiente actividade muscular). As alteracións con lesión podemos clasificalas como conxénitas ou adquiridas. Nas adquiridas englobaríanse: nódulo, pólipo, quiste, edema e parálise. Entre as conxénitas atoparemos sulcus, vergeture e sinequias.

As causas destas alteracións son variadas e poden ir dende un resfriado ou larinxite (aguda ou crónica) ou refluxo gastroesofáxico, ata o mal uso ou abuso da voz pasando por outros factores externos como alcohol, tabaco, ambientes de traballo con exposición a po e axentes químicos de irritación das mucosas.

A figura da logopeda traballará sobre as consecuencias de todas as alteracións vocais, mais primeiro debe ter un xuízo diagnóstico médico para traballar de forma correcta. Unha disfonía hiper ou hipotónica poderá revertirse co traballo que se faga dende a logopedia. No caso das lesións conxénitas, o traballo da logopeda axudará a paliar a disfunción da musculatura, mais poden precisar de cirurxía se hai problemas para a respiración. E no caso das lesións adquiridas (no caso de nódulos e edemas), se son incipientes, a intervención logopédica pode potenciar a reabsorción. Nos quistes e pólipos, a intervención irá encamiñada a que non se volvan producir trala cirurxía e por último, as parálises de corda serán traballadas pola logopeda para potenciar a acción da corda sa e que compense a falta de función da corda danada, modificando positivamente a calidade vocal.

Coma sempre, a implicación por parte das pacientes será esencial para o éxito do tratamento e terán unha acción esencial na prevención. As lesións conxénitas e as parálises non darán lugar á prevención pero as lesións adquiridas así como as hiper ou hipofuncións poden evitarse mediante accións sinxelas no día a día. Entre as accións de prevención podemos citar:

            -manter un correcto control postural durante a emisión vocal,

            - evitar lugares ruidosos e cambios de temperatura,

            - dedicar periodos de descanso vocal ao longo do día,

            - eliminar o tabaco e o alcohol así como as bebidas moi frías ou as comidas moi quentes,

            - manter unha dieta na que non se tomen picantes nin comidas especiadas nin caramelos, xa que resecan as mucosas,

            - evitar o carraspeo, que inflama as cordas vocais,

            - non falar nun volume moi alto ou susurrando nin a alta velocidade xa que o comportamento vocal modifícase e hai máis fricción entre as cordas,

            - evitar falar en situacións de esforzo,

            - evitar ambientes con po ou axentes irritativos das mucosas.

Son accións sinxelas que poden axudar a evitar “males maiores” e protexen a voz do uso diario de todas as persoas, sobre todo das que a usamos como ferramenta de traballo.

Comentarios