Opinión

Logopedia na UCI

Nestes tempos de emerxencia sanitaria, a sociedade faise consciente do labor esencial das profesións sanitarias. Entre elas, a logopedia. Houbo moito debate ao redor da esencialidade da profesión, pero a realidade é que somos esenciais e que deberiamos estar presentes no sistema sanitario público de forma consistente e non meramente testemuñal.

Como xa expuxen no seu día, a nivel público, na atención hospitalaria, a ratio de pacientes para cada logopeda estaría ao redor dos 150 mil pacientes (Ministerio de Sanidade). É dicir, o dato supón que a media de número de logopedas por cada 100 mil habitantes é menor a 1, sendo concretamente 0´67. Extrapolando eses datos á Galiza, encontrámonos por debaixo da media, cun 0´55 por cada 100 mil habitantes polo que cada logopeda ten para tratar uns 181 mil pacientes en Galiza. A atención redúcese á asistencia ambulatoria e, dependendo da área sanitaria, poderase atopar a logopeda con pacientes ingresados con diferentes patoloxías sendo pouco habitual atoparnos nas UCIs.

A UCI é un dos terreos máis difíciles e cambiantes que se pode atopar no ámbito hospitalario e nestes días temos oído falar moito dela, mais non está claro para a sociedade o labor que a logopedia ten no tratamento das pacientes ingresadas neste tipo de unidades.

Debemos ter en conta que na UCI moitas das persoas necesitarán ventilación mecánica invasiva e non invasiva. A intubación orotraqueal ou a presenza de traqueostomía, así como a necesidade de uso de máscaras de osíxeno, terá consecuencias sobre a deglutición, a voz e a fala. A insensibilización da zona poderá afectar as funcións de deglutición e voz tras calquera dos procedementos de ventilación mecánica. Ademais, a intubación orotraqueal pode provocar alteracións postintubación por inflamación e o tubo de traqueostomía non permitirá que o aire pase polas cordas vocais que quedan por enriba de dito tubo, polo que afectará á fala, sen saírlle voz á persoa doente, e afectará á deglutición porque dificultará o movemento da larinxe (Baumgartner, Bewyer e Bruner, 2008). O papel da logopeda pasará por solucionar os problemas de comunicación e por rehabilitar as estruturas larínxeas de cara a conseguir a recuperación da voz e da deglutición. O cribado, detección e tratamento das alteracións farán que a estancia das pacientes sexa menor e a recuperación máis rápida, como xa demostra a presenza da figura da fisioterapia neste ámbito, tamén en tempos de pandemia global.

Segundo un estudo do Hospital de Mataró e dirixido por Pere Clavé (infosalus.com), realizado nas últimas semanas, 55% dos pacientes ingresados nestas unidades de UCI con COVID-19, presentaban disfaxia; ben pola intubación ou as sondas de alimentación. Ademais, en planta, había pacientes con disfaxia pola ventilación mecánica non invasiva e entre as altas atopábanse pacientes con disfaxia provocada pola fraxilidade derivada da enfermidade. En todos estes momentos resultaría de especial relevancia a presenza dunha logopeda que guíe o tratamento e consiga a mellora da calidade de vida deses pacientes. Se así fose, as dificultades comezarían a tratarse dende o principio e incluso habería aspectos que se poderían previr dende o momento do ingreso de cada paciente. Por todos estes aspectos, a presenza da figura da logopeda na UCI está xustificada e é necesaria (Batty, 2009).

Non obstante, a realidade, alomenos en Galiza, é diferente, xa que aínda hai áreas sanitarias nas que non se atopa a logopedia dentro dos cadros de persoal do hospital e noutras a súa presenza no departamento de rehabilitación non inclúe atención a ingresados. Dende o meu punto de vista, a profesión encargada de estudar, investigar, previr, avaliar, diagnosticar e tratar tan diferentes patoloxías en todas as etapas da vida debería estar máis presente na sanidade pública. Toda a poboación debería ter acceso á atención da logopedia facendo o sistema máis efectivo e eficiente na atención integral. Ao mellor non son obxectiva e pódeme a paixón pola miña profesión pero todas e todos deberiamos loitar por conseguilo.

Comentarios