Opinión

Logopedia en enfermidade de Párkinson

O 11 de abril celébrase o día mundial da enfermidade de Párkinson, e non todas as persoas que padecen esta enfermidade son conscientes do que pode facer por elas a figura da logopeda.

A enfermidade de Párkinson defínese como “enfermidade progresiva do sistema nervioso que implica un trastorno do movemento” (Mayo Clinic). Nesta doenza, as células nerviosas ou neuronas descompóñense e morren pouco a pouco e non producen a suficiente dopamina no cerebro. Este é un neurotransmisor, unha substancia química importante na actividade cerebral, polo que a súa deficiencia terá consecuencias sobre as accións motoras do corpo (Medlineplus).

As causas da enfermidade son descoñecidas aínda que existen determinados factores que parecen influír na aparición desta doenza. Determinadas mutacións xenéticas e a exposición constante a determinados factores ambientais poden aumentar o risco. O risco aumenta coa idade, xa que adoita comezar ao redor dos 60 anos (aínda que pode comezar antes) e son os homes os máis propensos a padecela. Debido a que se descoñecen as causas, a prevención da enfermidade tamén é incerta. Certas investigacións suxiren que a práctica de exercicio aeróbico regular podería reducir o risco e outras falan da acción da cafeína no corpo (presente en té, café e bebidas de cola) aínda que non existe evidencia suficiente para indicar que o consumo de bebidas con este compoñente faga de barreira de protección contra o Párkinson (Medlineplus).

O diagnóstico non se fai a través dunha proba específica senón que se usará o historial do paciente e un exame neurolóxico. Hoxe por hoxe non existe cura e trátase dunha enfermidade progresiva, con perda de capacidades, pola sintomatoloxía que presenta. Existen diversos medicamentos que axudan a mellorar enormemente os síntomas e nalgúns casos, baixo determinados criterios médicos, pode realizarse unha cirurxía que permite unha estimulación cerebral profunda, implantando electrodos que enviarán pulsos para estimular as partes do cerebro que controlan o movemento.

Os síntomas comezan de forma lenta e entre eles pódense atopar o tremor nas extremidades ou en parte delas (mans principalmente), tremor mandibular ou na cara, rixidez muscular, bradicinesia (lentitude) ou problemas para o equilibrio e a coordinación dos movementos. A persoa pode ter dificultade para camiñar ou realizar labores simples. Son habituais tamén a depresión, os trastornos do sono e as dificultades para mastigar, tragar e falar.

A logopeda traballará precisamente sobre a musculatura e as estruturas encargadas da fala, da mastigación e da deglutición. Así mesmo, poderá traballar sobre a voz, a mímica facial (que irá desaparecendo paulatinamente) e a escrita (con tendencia á micrografía e tremorosa).

A actuación da logopeda debería comezar nas estadías iniciais da enfermidade para tratar a sintomatoloxía dende a prevención, mais non é o habitual. Ao non ver síntomas, o habitual é que se retrase o tratamento ata que comecen os síntomas. Desta forma, será un tratamento correctivo en vez de preventivo. Debe terse en conta que ao ser unha enfermidade progresiva, a sintomatoloxía sobre a que se traballe non se reverterá senón que se limitará o seu avance para manter intactas as capacidades da persoa o maior tempo posible.

A miña experiencia clínica indica que os resultados son mellores en persoas que acoden á logopeda cando os síntomas son mínimos e non afectan de forma drástica á calidade de vida da persoa. As estadías I e II serán as mellores para realizar a intervención, e de maior ganancia de resultados, mantendo o volume da voz, cunha fala intelixible para todo o mundo ou cunha mínima limitación na velocidade de fala e unha mastigación e deglutición adecuadas ou con pequenas restricións. Nas estadías III e IV a intervención terá peores resultados e máis limitacións en todas as áreas, tendo que facer modificacións para a comunicación, mastigación e deglutición. Na estadía V, o tratamento logopédico será paliativo, sen recuperar nin mellorar capacidades pero tamén será necesario.

Comentarios