Opinión

Logopedia aspergiana

O 18 de febreiro conmemorouse o día internacional do Síndrome de Asperger. Este é un trastorno do desenvolvemento que se inclúe dentro do espectro autista e que comparte as características nucleares do autismo en múltiples aspectos, tales como a interacción social, a comunicación verbal e non verbal, a rixidez de pensamento ou a inflexibilidade para a aceptación dos cambios. Non obstante, a principal diferenza é habitual que se encontre na fluidez da súa linguaxe e na capacidade intelectual, sendo incluso superior á media da poboación nalgúns casos. A pesar de ser un trastorno máis común que outros tipos de autismo, segue sendo unha condición rara e moitos profesionais non teñen a experiencia contrastada para tratalo.

Afecta máis a poboación masculina que á feminina e, de forma xeral, adoitan ter unhas excelentes habilidades de memoria (feitos, figuras, datas etc.) e moitas adoitan sobresaír en campos como as matemáticas ou a ciencia. En canto aos puntos débiles, teñen dificultades para crear vínculos de amizade, dificultades coa linguaxe literal e precisan das rutinas e o ambiente estruturado para sentirse nun estado de tranquilidade. Teñen ademais problemas para tolerar a frustración e a miúdo presentan ansiedade ante a crítica ou o fracaso. Existe un rango de severidade dos síntomas, polo que persoas levemente afectadas poden ser infradiagnosticadas e a sociedade simplemente as verá como excéntricas ou raras, sen saber da natureza da súa condición.

A logopedia encargarase, dentro da intervención co síndrome de Asperger, de traballar os déficits a nivel comunicativo. A nivel verbal, as persoas afectadas non entenderán totalmente o discurso que se lle presente. De feito, a adquisición da linguaxe estará atrasada nalgúns casos.

Tenden a facer comunicación con frases memorizadas pero que non usan nos contextos adecuados. As metáforas, expresións non literais, dobres sentidos e analoxías deben ser explicadas e traballadas para que se alcance unha competencia mínima, que lles permita unha interacción adecuada, sobre todo cos seus iguais. O seu ton, volume e entoación tenden a ser excesivamente formais, cun ton monótono, o que as demais persoas interpretan como “pedante”. Tamén poden aparecer dificultades para usar as palabras correctas nunha conversa ou para realizar unha introdución e seguimento dun tema nunha conversa. Estas alteracións son parte das súas dificultades semántico-pragmáticas e a miúdo presentan hiperlexia (alta capacidade para a lectura de forma precoz pero con dificultades para comprender e usar a linguaxe oral). Polo tanto, moitos presentarán alteracións a nivel académico que dificulten a súa aprendizaxe e que cheguen a provocar fracaso escolar se non se incide sobre os seus puntos débiles e se potencian os seus puntos fortes.

A nivel non verbal, a visión do mundo relacional dunha persoa con Asperger é diferente. Non está analizando e interpretando de forma constante as expresións e reaccións das persoas para adaptarse a elas, o que pode traer múltiples malentendidos e situacións incómodas. Deberá traballarse coa persoa con Asperger para adestrala en canto á lectura das expresións e de xestos, tons de voz etc. das demais persoas. Estará este aspecto tamén influído porque o seu nivel e temas de conversa non estean acorde co doutras persoas de mesma idade cronolóxica. Ademais, en si mesmos, a linguaxe corporal e as expresións faciais serán lixeiramente inadecuados (a mirada será máis ríxida ou fixa sobre o interlocutor, as expresións das emocións semellarán artificiais e extremas e terá dificultades para manter as quendas de conversa ou a espera ante determinadas actividades).

O crecemento da persoa con Asperger diminuirá as alteracións en canto á comunicación verbal pero é probable que a intervención logopédica deba estenderse un período maior de tempo, e incluso acompañar na idade adulta, para traballar os déficits a nivel comprensivo en linguaxe oral e escrito e coa linguaxe non verbal, moito máis complexa e con máis matices.

Comentarios