Opinión

Ataxia e logopedia

O 25 de setembro é o día internacional da ataxia. Este é un trastorno que se caracteriza pola diminución na capacidade das persoas para coordinar os movementos voluntarios. Aparece tremor en diversos lugares do corpo con problemas para manter o equilibrio.  Pode manifestarse co tempo ou presentarse de forma repentina. Ademais, pode afectar creando dificultades na fala, mala coordinación, andar inestable e tendencia a tropezar, movementos involuntarios dos ollos (nistagmo), dificultade en tareas de motricidade fina como comer, escribir ou abotoarse e dificultade na deglutición. Polo tanto, a logopedia terá un labor primordial tralo diagnóstico de ataxia.

Tende a presentarse en idades temperás aínda que pode aparecer tamén de forma tardía. Hai moitas afeccións que poden causar ataxia, son as chamadas causas adquiridas. Neste grupo están incluidos o abuso de alcohol, infeccións, certos medicamentos, accidentes cerebrovasculares, tumores, parálise cerebral, dexeneración cerebral ou esclerose múltiple. Os xens defectuosos herdados, tamén poden causar a afección. Serían as causas hereditarias, que se clasificarían dacordo ao patrón de herdanza: autosómicas dominantes (coñecidas como SCA), recesivas (p.e. ataxia de Friedrich), ligadas ao cromosoma X e asociadas a enfermidades mitocondriais. O 60% dos casos son hereditarios, entre os que se atopa a Ataxia de Friedrich (xa referida), que se produce por unha perda na función do cerebelo ou por anomalías nas vías conductoras dos impulsos nerviosos cara a esta estructura.

As persoas con este tipo de afectación, manteñen intactas as súas facultades mentais, pero diminúe a súa capacidade de mobilidade e de fala, xerando sensación de encerro no propio corpo e de impotencia.

Sexa cal sexa o tipo, considéranse patoloxías graves. Ao ser neurodexenerativas, incapacitan a quen as padece. As persoas con este tipo de afectación, manteñen intactas as súas facultades mentais, pero diminúe a súa capacidade de mobilidade e de fala, xerando sensación de encerro no propio corpo e de impotencia.

O diagnóstico é sempre clínico, baseado nos síntomas e signos que presenta a persoa afectada. Realizarase unha exploración neurolóxica minuciosa e deberá comprobarse se existe alteración doutras estructuras do sistema nervioso central e/ou periférico, ademais do cerebelo. Unha análise sanguínea completa para excluír unha orixe autoinmune, metabólica, hereditaria ou tóxicas e a realización dunha resonancia magnética cerebral para comprobar a integridade e/ou lesión do cerebelo e resto do sistema nervioso central, completarán os pasos para a consecuención dun diagnóstico acertado.

Existe cura para casos específicos que teñen que ver con deficiencias metabólicas, pero en liñas xerais non se pode erradicar a patoloxía. Sen embargo, é posible axudar ás pacientes a recibir tratamentos adecuados para conseguir unha mellor calidade de vida. O tratamento dependerá da causa e deberá ser interdisciplinario, contando coas figuras de logopedia, fisioterapia, terapia ocupacional (TO) e psicoloxía, entre outras.

A motivación e a colaboración da persoa afectada, e o apoio familiar e profesional en periodos iniciais da enfermidade, farán que as limitacións na vida diaria poidan lentificarse e a autonomía da persoa se manteña no tempo.

O tratamento irá dirixido aos síntomas específicos de cada paciente. Aplicado a logopedia, traballaranse as dificultades da fala, a coordinación muscular para as funcións orofaciais e/ou a prevención de dificultades na deglutición. O traballo respiratorio (para o traballo da voz), en colaboración coa fisioterapia e sobre a motricidade fina (sobre todo para a escritura) en colaboración con terapia ocupacional, completarán as áreas nas que a logopedia pode ser de axuda.

A motivación e a colaboración da persoa afectada, e o apoio familiar e profesional en periodos iniciais da enfermidade, farán que as limitacións na vida diaria poidan lentificarse e a autonomía da persoa se manteña no tempo. En fases máis avanzadas, o tratamento por parte da logopeda procurará que a deglutición sexa segura aínda que con limitacións e a fala o máis clara posible aínda que a articulación non sexa perfecta. Tentarase tamén manter o volume de voz e a escritura.

Cando a logopeda traballa con patoloxías deste tipo, e en base á miña práctica clínica, contar cunha sensibilidade e un vínculo especial de confianza coa persoa a tratar, fai que se beneficie enormemente e terapia e mellorará os seus resultados.

Comentarios