Opinión

Pensións privatizábeis

No pasado sábado centos de persoas, convocadas polo Movemento Galego en Defensa das Pensións Públicas, voltaban a se manifestar nas rúas de varias localidades galegas en contra do novo proxecto de privatización dos retiros de vellez. Chove sobre mollado. Desde que o Banco Mundial estendese como dogma o suposto colapso do sistema de protección pública, moitos estados do mundo, principalmente europeos e americanos, entre eles o español, foron rápidos en aplicar a receita neoliberal, en maior ou menor medida. Nos que actuaron en avanzada, sobre todo na Europa do Leste e na América Latina, os resultados deron nunha retumbante desfeita. Máis da metade tivo que reverter a privatización e noutros, caso do Chile, as súas terríbeis consecuencias causaron unha convulsión social que está a derrubar o réxime político que as implantou. A posteriori, un relatorio asinado por técnicos da Organización Internacional do Traballo destacou que, considerando que 60% dos países que privatizaron os réximes públicos de pensións despois recuaron, e tendo en conta as evidencias acumuladas de impactos sociais e económicos negativos, o experimento da privatización fracasou. Entre as causas, os grandes custes fiscais e administrativos, a baixa cobertura ou a imposibilidade de prever os ingresos na vellez debido aos altos riscos do mercado de capitais. 

Apesar do fracaso, os sucesivos governos españois teimaron, e teiman, na privatización e cortes nas pensións, coa aprobación e observancia dos partidos e sindicatos do sistema, sen falar do empresariado e a banca. Mais tamén é sorprendente como organizacións pouco sospeitas de se aliaren ás clases dominantes, como é o caso do sindicato abertzale LAB, son entusiastas asinantes e participantes do EPSV Geroa, o laboratorio de privatización do chamado “modelo basco” de planos de pensión privados de empresa, que agora quer copiar o ministro español do ramo. Primeiro, através dun globo sonda e despois como unha reiteración do Pacto de Toledo, confirmada en novembro pola cámara baixa española. Seique a protección social pública garantirá unha renda mínima asistencial e a privada sería unha opción individual de capitalización, que non poderá pagar a maioría. Na Galiza, coas pensións mínimas das máis baixas do Estado, cunha pirámide de populación invertida e coas grandes empresas cotizando en paraísos fiscais, suporá un cuádruplo empobrecimento. Se non o remediarmos.

Comentarios