Opinión

Falan as fachadas

En tempos extraordinarios coma os presentes, nos que a saúde obriga a illarnos fisicamente, as persoas esfórzanse por manter vivos os lazos. Tentamos impedir así que a distancia social deveña emocional, evitarmos chegar ao remate do confinamento convertidas en seres fríos, ariscos, coa nosa capacidade afectiva amputada. A imaxinación ponse a traballar e busca formas creativas de resistir, colectivamente, ao medo. Temos as xanelas das casas para comunicar, para erguer voces. Alén do noso dereito a aplaudir ás profesionais que están arriscando a súa saúde por salvagardar a de todas, temos tamén o de protestar por uns recortes que as obrigan a facelo en precariedade. Alén dos aplausos están a reivindicación, están a música e o humor. Hai quen organiza sesións vermute para bailar desde os balcóns, animando os corazóns sen infrinxir os límites ao contacto. Hai quen usa as fachadas, proxectando frases que condensan con retranca o malestar que moitas estamos a experimentar. Así o fixeron algunhas veciñas do barrio de San Pedro, convertindo unha fachada dos Concheiros en muro onde verquer as críticas ao sistema que nos trouxo aquí.

Hai, coma sempre, quen non gosta destas formas de resistencia simbólica. Quen apela á decencia e a un suposto bo gusto para censurar estes estalos festivos. Desde as páxinas dun medio que deixou hai moito tempo de facer xornalismo, apelan a esa maioría silenciosa que serve de comodín para todo, aquela que acata todas as normas sen cuestionalas. Queren facer calar as fachadas, e chaman ás forzas da orde para facer efectiva a represión á máis básica liberdade de expresión. En resposta, as veciñas de Concheiros así o manifestaron, multiplicando as proxeccións nas súas fachadas, ao lema #jesuisunitaria. Non se pode calar ás fachadas.

Comentarios