Opinión

Que pasa nas Pontes?

Estes días, de súpeto, asistimos á presentación dun tsunami de proxectos industriais para As Pontes -algúns xa coñecidos- e ao anuncio doutros, tamén importantes.

Foi -está sendo- todo tan atropelado que, como anécdota, nun xornal anúnciase pola mañá un deses proxectos, en concreto unha central hidroeléctrica de bombeo e unha central de hidróxeno, e se cuantifican en 400 empregos directos, mais, no mesmo xornal, xa pola noite na súa versión dixital, a central de hidróxeno só crearía 55 postos de traballo directos; calquera que coñeza minimamente as centrais hidráulicas sabe que ningunha xeraría os outros 345 postos de traballo, chega coa referencia das dúas hidroeléctricas que temos nas Pontes, a da Ribeira e a do Eume, actualmente moi automatizadas, xestionadas dende lonxe, e sen persoal permanente nelas.

Ante tanto proxecto anunciado e con cifras tan elevadas de investimento e emprego, calquera observador alleo pensará que nas Pontes o sector inmobiliario estará fervendo, sen apenas baixos e pisos baleiros e cun incremento notábel da poboación, pois, por desgraza, nada que ver.

A realidade, para nós, é a dunha campaña de Endesa para reclamar con urxencia a autorización de peche da Central Térmica de carbón ao Ministerio de Transición Ecolóxica, cunha mensaxe clara: ou temos o peche agora ou perderemos todas estas oportunidades de futuro.

Os detonantes desta campaña precipitada de Endesa entendemos que son dous. O primeiro, o anuncio por parte da Xunta -concretado no DOG deste venres- de abrir un expediente para a posíbel declaración de BIC da cheminea da Central, algo que a propia Xunta aínda non aclarou suficientemente e que, de facerse, perturbaría toda a programación de Endesa para a demolición da Central, ademais do desenvolvemento, a moi longo prazo, do solo industrial na parcela.

O outro detonante, vén motivado polos anuncios de Estados Europeos que, ante a grave crise enerxética e as incertezas do futuro, por pura prudencia están revisando a programación de peche de Centrais de carbón, debate que, nos últimos días, tamén parece darse no Goberno do Estado Español e podería dar ao traste cunha inmediata autorización de peche da térmica das Pontes.

Agás o proxecto de Sentury para a fabricación de pneumáticos, que non está ligado directamente con actividades enerxéticas e ao que, para nós, non se lle está prestando a atención debida, o resto dos anunciados teñen un interese directo nas liñas de evacuación (1.400 MW) que deixarían libres a Central Térmica se pechase -factor fulcral para o noso pobo, a verdadeira vantaxe competitiva que nos diferenza- e, tamén, dos fondos europeos -factor que nos pode discriminar negativamente a respecto doutras zonas-.

Canda pecha unha Central Térmica, os megavatios que quedan libres saen a un concurso público para a súa adxudicación nos que, entre outras cuestións, valóranse os proxectos industriais que leven asociados, tanto en creación de emprego como en investimentos.

No caso da Central Térmica de Andorra (Teruel), a primeira e, de momento, a única do Estado que encetou este trámite e que xa leva oficialmente pechada dous anos, esta aberto o proceso de adxudicación con doce propostas empresariais, entre eles grandes empresas eléctricas: Endesa, Naturgy, ..., e tamén grupos empresariais do propio territorio. Nalgún caso hai ofertas singulares, como o estabelecemento de plantas fotovoltaicas a cambio de electricidade gratis para a poboación e a industria da Comarca, pero, como dicimos, as propostas son moi diversas e aínda o Ministerio non resolveu a adxudicación do nó de acceso.

Por iso, o que estamos vendo estes días nas Pontes non deixa de ser un anuncio dalgunha das propostas que, no seu día, se presenten ao concurso dos megavatios que se liberen ao pechar a Térmica.

Quizás algo precipitado e atropelado, pois vemos como se dan prazos para ocupar os terreos actuais da Central que non coinciden coa programación oficial e presentada no Ministerio por parte de Endesa, para a súa demolición, pois o cronograma aprobado non libera eses terreos até o 2030.

Tampouco As Pontes conta con solo industrial dispoñíbel, un déficit que levamos padecendo xa hai moitos anos.

Neste escenario, de pura campaña publicitaria por parte de Endesa, o Ministerio de Transición Ecolóxica non pode seguir calado, como se non existise, e debe definir que decisións vai tomar; e tamén a Xunta debe aclarar a que xoga, non pode estar un día anunciando a Ence nos terreos de Endesa e, ao día seguinte, publicar no DOG o inicio do procedemento para declara a cheminea de As Pontes como Ben de Interese Cultural, as dúbidas son lóxicas, por que non declara tamén BIC as torres de refrixeración ou a cheminea de Meirama?, a Xunta ten que deixar xogar só papel de oposición ao Goberno do Estado e, algún día, empezar a ser Goberno Galego.

Namentres, neste pulso entre Endesa e as Administracións Públicas, a situación real das Pontes non deixa de ser a de unha reconversión clásica, perda de emprego no presente e un prometedor futuro, mais sen confirmar polo momento. E no medio de todo, a carreira electoral á Xunta, que tamén xoga.

Comentarios