Viaxe a Ítaca

Case todas as nais que coñezo lembran o seu parto cunha precisión milimétrica. Quizais non o detalle da hora, a entrada no lugar onde deron a luz, ou mesmo que facían cando sentiron a primeira contracción. Escóitoas falar cunha nitidez extraordinaria das sensacións que experimentaron. Da man quente que apertaba, do aparello frío contra o corpo, da frase perfecta ou fóra de lugar que alguén pronunciou. O ton, a delicadeza, a falta de tacto. Unha cláanálise pormenorizada do instante: "Así que así era", "isto non está ben", "como se lles ocorre pronunciar esa frase diante de min".

Na memoria dos alumamentos, as avoas levan consigo a radiografía crucial dun tempo. Non empregan conceptos actuais, como plan de parto, puerperio ou violencia obstétrica, mais enuncian con mestría o que viviron. O día que as escoitemos co tempo suficiente probablemente acaben por nomear esa criatura que non naceu, naquela altura en que os abortos morrían no silencio, ou aqueloutra que chegou a este mundo sen vida e non poden obviar, por moito que outros afanaran en facelo. Esa persoa pequena que existiu, que mesmo tivo un nome e unha foto e endexamais foi inscrita é transformada nun tabú, para condena da nai, que non esquece.

A taxa de mortalidade perinatal en Galicia, que rexistra dende as mortes fetais a partir da semana 22 de xestación ata a primeira semana de vida dun bebé, é de 2,71 por cada mil. Caeu máis de 20 puntos dende 1975, o primeiro ano do que hai datos, grazas aos avances sanitarios. A sociedade, porén, continúa a comportarse exactamente como antano. Aínda cae sobre as nais o dó perinatal como a lousa do silencio, a negación e o intercambio. "'Xa terás outro'. Ninguén lle di iso a quen lle acaba de falecer o marido, por que neste caso si?", pregúntase en voz alta María Besteiros na presentación do seu libro, Ítaca (Xerais, 2025).

A novela, finalista do XIL Premio Xerais, adopta o mito de Penélope para achegar unha realidade aínda moi soterrada, e transforma o cuarto da espera nun refuxio de dó e transformación. Escrita cun coidado estilo, non falta a sensibilidade e a linguaxe poética, tampouco a crítica ao Ulises ausente e o necesario amarre de tenrura na figura dun Telémaco adolescente. Besteiros nomea o que debe ser nomeado, e rescata, no nome de Ítaca, todos os nomes ocultos para levalos de travesía literaria. Longa viaxe.

Comentarios