València e mais nós

En todas as desgrazas, accidentes e catástrofes naturais que apelan á responsabilidade política, sempre atopo irmandade entre o pobo de València e o da Galiza. Para ambos, lamentablemente, o barro chegou moito antes á política que ao País Valencià. Moito antes de Pedro Sánchez e de Núñez Feijóo na Cámara estatal e da irrupción da extrema dereita no arco parlamentario. Para ambos chegou demasiadas veces o bater de fronte coa parede do sopapo que dan as urnas.

Escoito as familiares das vítimas da DINA falando do que podía evitarse alén dos efectos devastadores da natureza e non podo deixar de pensar no descarrilar do Alvia, no Prestige, nas nais de Érguete ou no accidente do Metrovalencia. A coraxe e a carraxe formando un pareado natural ante o intento de impunidade e de tirar balóns fóra.

Escóitoas falar do merengue conxelado que non son capaces de tirar porque é un recordo de quen o fixo e xa non está. Da bondade personificada e da luz que brillaba dentro de alguén que fóra de nós xa non existe. Lembro a mellor amiga que nunca máis colleu o teléfono despois da curva de Angrois, as súas pertenzas manchadas de sangue que ninguén limpou e este relato sombrío que lle queda a quen a agardaba na estación. Todas as demais palabras son barro, lea política e escusas baratas. Fraga, Aznar, Feijóo, Camps, Barberá, Mazón, quen son eles? Nomes e rostros intercambiables ante a dignidade inmensa da xente.

Son moitas as veces que a clase política nos fallou sabéndose electoralmente impune, ou case. Cómpre non facerse trampas ao solitario: nos municipios da Costa da Morte, o envorco electoral fíxose notar despois daquel 13 de novembro de 2002, aínda que non fora suficiente. Sempre volven os da política anti-social e anti-ambiental e esmagan de azul –agora tamén de verde– todas as loitas vivas ata que a historia se repite. Coido que por iso non morren as loitas e os lemas resisten o tempo e o contexto. Nunca máis mareas negras. Nunca máis lumes. Nunca máis impunidade.

"Al meu país, la pluja no sap ploure", cantaba Raimon. "E chove pra que eu soñe, / pra que eu soñe", escribiu Novoneyra. Non teño dúbidas: estamos en pé pola xente que lle fai fronte ás augas da incompetencia, á lama da irresponsabilidade. Seguimos adiante por quen se atreven a soñar outro mundo posible, cheo de dignidade e memoria. Amunt, València.

Comentarios