Un lugar seguro
Hai sete anos naceu un lugar fóra da miña casa que se converteu nun lugar propio. Podería estar nel totalmente espida e sentirme cómoda e acubillada, con todo o mérito que ten que non sexa meu unicamente. O mellor que ten o espazo As mulleres que opinan son perigosas é precisamente iso, que é compartido. Compartímolo con todas e cada unha das cen relatoras que pasaron polo foro e as numerosas persoas que asisten como público. Coñecidas e anónimas, xornalistas, enxeñeiras, estudantes, reporteiras, tecnólogas, correspondentes. Malas nais, fillas horribles, xubiladas e avoas sen historia coñecida para o obituario.
Dende Rosa María Calaf a Olga Viza, María Escario, Tati Moyano ou Ana Romaní ata as compañeiras do xornalismo local como Carolina Sertal, Alba Moledo ou María Piñeiro, cada ano escoitamos a voz dunha referente sumándose á aperta colectiva que dá a coincidencia: "Vouvos contar algo, agora que non nos oe ninguén". Esa comodidade de sentirse nun espazo seguro. Somos distintas, mais temos algo moi importante en común: habitamos un mundo que nunca nos deu un lugar propio sen ser para outros, sen ter que conquistalo. Un mundo en retroceso que sería moito peor sen a loita mundial das mulleres que resiste nas rúas e en
encontros coma este.
A través da voz que fala enriba do escenario reivindicamos un dereito universal nos nosos medios de comunicación, que non son máis que o reflexo dun mundo aínda desigual. Mulleres que opinan é tomar a palabra e poder dicir. É estar na letra pequena da vida, como reivindicou María Hermida, ou batallar nunha opinión que, como apuntou Noelia Adánez, aínda engrandece aos homes e compromete ás mulleres. Dicir e escoitar, con esa escoita que tanto urxe neste tempo.
Dicir que non hai xornalismo sen a ollada da metade da poboación, e que ninguén responda con desdén. Dicir que a nosa voz de nenas libres quedou sepultada por tantas outras que só achegan un lado da historia. Contar anécdotas que son o día a día de tantas e que ninguén interrompa cunha experiencia illada. Aplaudir a quen denuncia a violencia, a precariedade, os abusos da guerra e as palabras que agochan, minimizan, invisibilizan e menten. Quizais esta sexa a reinvención do cuarto propio de Woolf: un espazo propio, un lugar de palabra e de escoita activa, sen soliloquios. As mulleres que opinan son perigosas, pero eu non imaxino un lugar máis seguro.