Sen teito
No tempo dos redutos, os cubículos, as mentes pechadas e os discursos herméticos, dáme por pensar nas moitas cousas que, na outra banda, mais non necesariamente na dicotomía, non teñen teito. O lavadoiro do Monte Furado onde antes ía xente e hoxe só transitan ánimas. O campo da feira que tantas veces nos mollou os pés nas festas de setembro, hoxe xa sen festa. A fraga onde voan perdigóns a ceo aberto, sen acubillo para tantas vidas. As chemineas da celulosa que un día quixeron poñer na xunqueira e que, por sorte, non saíron do debuxo.
Penso no home sen teito que dorme na porta do negocio que mudou de mans aos pés do meu edificio. Aluméao dous meses ao ano unha bola xigante de luces led, aleitándolle o entresono. Nesa mesma mazá non teñen teito os prezos da vivenda, a proliferación dos pisos turísticos, a especulación de quen non ten límites porque non llos poñen.
Non hai teito nos números das empresas bancarias e as compañías de seguros, na súa avaricia, no cinismo da publicidade despreocupada e lacrimóxena que pagan para que acabemos pagando. Nas semanas que viran meses agardando nunha lista de espera da sanidade pública. Na violencia e o reconto frío e descontextualizado das mulleres asasinadas.
Chove e a xente agarda mollada na parada de taxi da estación ferroviaria provisional. Alí tampouco hai teito. Esperan pola intermodal un tempo que ascende ao ceo, mentres outras, máis lonxe, agardan por un tren que non existe.
As persoas migrantes explotadas en Begonte non chegaron en tren. Ninguén lles deu unha aperta nin unha cálida acollida e non hai teito sobre a terra que traballan, como non o hai na falta de escrúpulos de quen os enganou e amoreou nunha infravivenda. No seu racismo. Medran sen teito os muros antipersoa que levantamos para que non veñan cando non os necesitamos. Sen teito, nin outra cousa máis que entullos, as casas da xente que regresa a Palestina tras a crueldade do xenocidio.
Como a lóxica do ambiguo, a dialéctica hegeliana ou os valores binarios de Nietzsche, o pechado e o que non ten fin conviven sen pisarse, e fano nun tempo de incertezas no que abrazamos extremos para non transitar o pensamento.
Sen teito a posverdade e o márketing da rebeldía: defender o mesmo que os tres homes máis ricos do planeta, a súa retórica de eles e nós. Sen teito a mentira que nos contamos para non tomar posesión do poder que temos.