Opinión

Poucas luces

Baixaba por Urzáiz á tardiña, despois de traballar, con media cabeza mergullada no abrigo. A piques de entrar no inverno, o frío entrara xa con toda a súa intensidade. Era noite, mais no centro de Vigo hai anos que non falta luz artificial, mentres os biorritmos tolean en favor dun consumismo que supera as nosas capacidades de compra. Uns poucos metros antes de chegar á xoguetería que fai esquina con República Arxentina, vino. Deitado no chan, sobre uns anacos de cartón, ás portas do comercio, tapado por un par de mantas vellas, un home de mediana idade intenta durmir. Coma min, agocha a cabeza baixo a roupa, probablemente para gorecerse do frío e da luz intensa que desprende a enorme bola que vai dar a Príncipe. 

Pensei no Nadal como o maior pesadelo do ano para o 25,7% da poboación galega que vive en risco de exclusión social, mentres a publicidade e o autobombo institucional decretan por sistema a obriga de ser feliz. Máis de unha de cada catro persoas en Galicia. "La luz de las Navidades de Vigo, toda la luz, cuesta 30.000 euros. Solo 30.000 euros", asegura o alcalde, en pleno récord de prezos. O adverbio cae como unha descarga eléctrica para as persoas que teñen como máxima preocupación diaria que comer, onde durmir ou como pagar o prezo dunha vida digna.

Penso en Vigo como penso nas familias da Cañada Real que levan máis dun ano a escuras. Para quen non ten nada, non hai ilusións de pais que tornan elfos nun mundo ás marxes do sistema. Non hai razóns para sacar peito nin para irse divertir a ningún programa de televisión. Hai poucas luces, e máis nada.

Comentarios