Porque me peta

Comezarei polo último mes. O Instituto Galego de Estatística, a Consellería de Política Social e o Sergas aténdenme por teléfono e por correo electrónico en castelán. Google responde as miñas dúbidas amosando contidos só en castelán. Nunha escena que se repite con rigorosa periodicidade, pido un café con leite e pregúntanme, en castelán, se o que estou a pedir é un café con leche. O conselleiro de Sanidade insulta a intelixencia dos maiores e os seus familiares nun perfecto castelán ordinario.

Continúo polo último ano. Alguén chama alporizado ao recibir unha comunicación con erros graves: a información, en galego, fora automática e erroneamente traducida polo seu navegador ao castelán. As aplicacións do móbil aparecen, por defecto en inglés: non entenden a nova configuración en galego do teléfono e unha por unha, a maioría delas, auto-tradúcense na lingua que domina o mundo, que non é, neste caso, o castelán. En inglés, e en castelán, manexámonos e promocionámonos (ou difundímonos) cada vez máis ante o mundo, como se o galego non fose un atractivo máis do noso. O Celta de Vigo entendeuno, e acollemos esa decisión de normalización lingüística como un prezado tesouro, o xesto excepcional que agardamos que copien, como mínimo, os demais clubs de fútbol, sen éxito.

Imos máis atrás. O futuro presidente da Xunta –el aínda non o sabe– encabeza unha manifestación de Galicia Bilingüe cunha pancarta con catro palabras en galego e tamén, por se non se entende, en castelán. As primeiras crianzas de pais milenials xogan, len, ven debuxos animados en castelán, e interactúan en castelán todo o tempo con quen as educou en galego. Nun pequeno recuncho de esperanza, Siri non entende a Moraima. A Xunta abre a porta a contidos en castelán na televisión pública de todas.

Ante as cifras catastróficas sobre o uso da lingua, o goberno galego encarga o seu propio estudo porque cre que o idioma sobrevivirá mentres sigamos a ser xente riquiña, tan riquiña que non berra, non se indigna, non protesta e non fala, ou cada vez menos, na súa lingua propia. A min gustaríame reivindicar o galego non como unha lingua nai nin tampouco cun sentido utilitarista, senón porque si, porque me gosta, porque me peta e porque é o noso dereito. Este domingo, Día de Rosalía, temos unha cita en Compostela pola emerxencia lingüística.

Comentarios