Paporroiba

Na véspera de Nadal, avistounos un paporroibo. Non o vimos, viunos, porque a súa ollada chegou primeiro. Observábanos dende a póla dun carballo espreitando os nosos pasos, seguindo cada movemento na procura dunhas follas para decorar da mesa. Mais todo isto non podía sabelo. O único que lle importaba –soubémolo axiña– é que andabamos remexendo onde tiña o niño. Sen dúbida, o paporroibo era ela.

Os paporroibos non aniñan en decembro, pero alí estaba o seu. Non vimos ningún pito, mais si un berce de musgo, follas e paíños en avanzada construción semanas antes do casamento. Coa delicadeza dos seus 12, 15 ou 20 gramos, tamén a paxariña recollía follas para o lar. Non respondía a ningún fin ornamental. É o oficio da vestal devota que procura a quentura do lume. Quizais por iso non oímos o seu canto. Quizais por nós, intrusos na tenrura, concluíu a ciencia durante tanto tempo que as paxaras non cantaban.

Conta a lenda que o paporroibo voou ao sol para traer o lume que nos quece cando o frío non perdoa. Velaí a definición de compromiso. Tanto voou coa lapa no bico que o seu peito quedou tinguido para sempre. A queimadura tornou, por empréstito de outras aves, na plumaxe máis fermosa. Un troco de agradecemento por enfrontar o inverno mirando o sol de fronte. Un intercambio amigo.

Pola Noiteboa, tamén nós procuramos perpetuar o lume. Facemos quendas na lareira, amoreamos paus, repoñemos leña e quecemos, no lado oposto, a máis húmida para que prenda ata os adentros. Como a paporroiba, tampouco nós cantamos no labor de manter o fogo vivo. Hai un diálogo silente coas chamas, un contacto visual hipnótico na promesa dun lugar quente, habitable, ata que sentimos de súpeto un ardor na cara e un amor no peito.

Quero preguntar á paxariña polo niño, polo lume e polo amor. Quero falar con ela como o frade do Cebreiro fala cos paporroibos. Quero saber se, neste bosque de Bergantiños ateigado de eucaliptos, ela pousa no carballo por decisión. Que me conte o que perdeu tras o verán de inferno no noso fogar común. Tal vez houbo un niño previo devorado polas lapas. Quizais por iso aniña cando non toca.

Amence un día de Nadal de frío e sol e sinto a paporroiba espreitar no xardín da casa. É a nosa vestal, sacerdotisa do lume, e eu pídolle que traia unha plumaxe de follas fermosas ao bosque queimado de Valarés, ao Monte Branco, á coroa da desembocadura do río Anllóns. Coa forza da amizade dos paxaros.

Comentarios