Opinión

Os nosos aiatolás

No delirio nacional polo que nas últimas semanas unha parte da dereita española se botou ás rúas vimos todo tipo de símbolos. Bandeiras españolas, pre-constitucionais, fascistas e carlistas, escudos con círculos concéntricos vermellos e amarelos, espadas de plástico e cartón e cascos de Cid Campeador. E tamén a falta deles, pero ortográficos, como a desconcertante desaparición da coma do vocativo en pancartas que expresaban o contrario ao pretendido, grazas ao iletrismo despreocupado de quen as sostiña. Os símbolos, como minas de significado que son, falan moito de quen os porta.

As bonecas inchables que un grupo de prehistóricos asiron ás portas da madrileña rúa Ferraz retrotráenos a esa España casposa de Jesús Gil rodeado de mozas en biquini nun jacuzzi, de azafatas de televisión sen voz nin moita roupa mentres as tratan como a cousas ou seres unineuronais, da cultura da celebración dos machos no prostíbulo violando mulleres. A mesma España que nunca marchou de todo e que aínda moitos ansían recuperar.

Hai uns días, a activista iraní Nilufar Saberi visitou Galicia para relatar, entre outras moitas cousas, como as mulleres en Irán son responsabilizadas polos fundamentalistas da falta de compromiso dos seus maridos co extremismo relixioso. Como son elas as primeiras sinaladas e as máis castigadas mesmo cando son eles quen se negan a cumprir co mandato teocrático de telas pechadas, tapadas e escravizadas.

As ministras do Goberno de España, representadas por eses machos patrios en forma de bonecas espidas mentres berran "[Ferraz] no es una sede, es un puticlub" –ou, por se nos quedara algunha dúbida, "Estas son las ministras del Gobierno"–, son tamén para os nosos fundamentalistas do patriarcado as culpables do seu cabreo co resultado electoral. Para eles, como para os islamistas radicais dos que só se lembran nas súas proclamas racistas, non hai nada peor que ser unha puta ou, o que para eles é o mesmo, unha muller no poder.

Temos a enorme sorte de non nacer nin vivir nun país como Irán, e isto hai que dicilo alto, claro e todas as veces que faga falta. Pero non estamos libres dos nosos propios aiatolás, que non dubidan en chamarnos putas, ou fillas delas, cando ven que o seu curral de privilexio se derruba.

Comentarios