O rei e o xenocidio

Á tribuna das Nacións Unidas subiu un xefe de Estado que tamén é rei. Felipe VI falou de Palestina, de Gaza e de masacre. Sorprendeu a moita xente, e para ben. Foi moito máis humano que milleiros de persoas con representación política nos parlamentos. Pronunciou, con toda seguridade, o seu discurso máis importante nos 11 anos que leva no posto, moito máis que a ladaíña anual de rigor, baleira na forma e no fondo, das datas de Nadal.

Felipe falou na ONU e case ninguén reparou na súa voz escangallada, no galo inoportuno, na torpe vocalización de Borbón que arrastra unha lingua durmida, ou enfastiada. Soaron as palabras persoas, dereitos, xustiza, obrigas, paz. Palestina. E, aínda así, o xefe do Estado que ninguén votou evitou premeditadamente pronunciar a palabra xenocidio. Estaba implícita, sobrevoando a escena. Case podía tocarse, pero non fixo acto de presenza. Foi unha mágoa que o estragou todo. Malia non agardar nada, sentinme decepcionada.

Teño o bo e mal costume de poñerme no sitio de quen teño enfronte. E por iso, no fondo, entendo ao rei Felipe: ten que ser complexo porfiar en manterse nun lugar no que ninguén te puxo e saber que o teu destino está na man de contentar a todo o mundo. Primeiro, aos poderosos (os de verdade) que, por veces, admiten pequenas licencias woke. O que non podo pasar por alto é que Felipe acepta, implicitamente, que un xenocidio é unha cousa opinable. Un feito máis deses que poden ser ou non ser dependendo de a quen se lle pregunte. Ese costume tan feo que se transformou no mal que infecta de xeito brutal o noso tempo.

Boto en falta unha xefatura de Estado escollida, un cun programa, un compromiso e unha declaración de intencións que, alén dunha Constitución, atenda os Dereitos Humanos e chame xenocidio ao xenocidio. Unha persoa política, si, política, que non sexa como todas, porque non todas son iguais. Que non alterne con monarquías colonizadoras e pouco amigas da vida humana e animal.

Mentres o rei falaba, a flotilla que puxo rumbo a Gaza denunciaba ataques con drons por parte de Israel, con foto e vídeo, por se o masacre, ou xenocidio, non estivera a ser abondo propagado. Israel, ese parque xurásico de laboratorio que se foi das mans, cos pterosauros xa fóra do aviario, precisa xa máis accións que palabras. Máis política que discurso.

Comentarios