Opinión

As leccións de Saleta

—Ola, Saleta. Non sei se te lembrarás de min despois de tanto tempo. Son Cláudia, a filla de César.

—Si, e de Esther. E irmá de Brais.

Aquel inicio de conversa con Saleta despois de dez anos sen nos ver quedoume gravado sempre. Como aquela muller de 84 anos, sempre rodeada, sempre ocupada nalgún acto ou proxecto de raíz, podía facer unha relación mental de persoas, caras, nomes e tempo tan rapidamente, se eu apenas era quen de lembrar o que almorzara ese mesmo día? Mais Saleta, unha muller de aquí e agora, de palabra pronta e ollada directa e profunda, mesmo dende o outro lado do teléfono, ela ben podía.

Sen esquecer a natureza etérea do símbolo e a emoción, Saleta sempre estivo máis na terra que a maioría. Tiña a capacidade de traer ao mundo as cousas importantes no intanxible ata case facérnolas tocar mentres o resto só podiamos soñar con elas. A súa maxia consistía en ser todo o terreal que unha persoa pode ser, pero maxia, á fin e ao cabo, co poder dos pés no solo e a palabra intrépida. Ela dicía o que pensaba sen importarlle o que viría a continuación porque, como lle contou a Belén Regueira no primeiro número da Revista Luzes, "a min a opinión dos demais non me impacta moito, o que me preocupa é vivir con dignidade". Que lección, a dignidade.

Dignidade só é unha palabra ata que alguén a exerce, como sempre fixo Saleta Goi. Tamén Manuel María, que a elevou á categoría de lei: "Ando a pedirlle á vida: luz, beleza, / delicadeza xuvenil, unha canción, / a virxinal tempestade da paixón, / o dereito á dignidade e á enteireza”. Saleta aparecía pola porta con Manuel e Manuel con Saleta, sempre singulares formando un plural, sempre Outeiro de Rei na fronte aló onde ían, e metían aquela casa, a montaña e os libros no local máis ateigado da cidade. Imaxínoos agora como dúas estrelas vermellas, unha canda a outra, en cadansúa coordenada e harmoniosa constelación, observándoo todo, aprendéndonos que mirar máis arriba das nosas cabezas é entender que a terra non é terra sen firmamento. "A estrela é inmutábel en sí mesma. / A estrela ten sentido".

Lembran os obituarios que Saleta Goi foi moito máis que a viúva de Manuel María, e así é. Quédanos a nós a terra que construíu, dezaoito anos máis, para traernos a dignidade dende o país dos soños. Quédannos para sempre as leccións de Saleta. Longa vida para ti, matriarca luceira.

Comentarios