Fodechinchos, o gran e a palla

Esperto cunha mensaxe de Whatsapp na que alguén me pide, dende outro punto da península, se podo explicarlle o que é un fodechincho. O detonante da curiosidade é a decisión dos responsables dun bar de Mera de pechar durante a ponte de agosto, "cansos da prepotencia" de determinado tipo de xente que visita o establecemento no tempo máis turístico do ano. Nunha mensaxe publicada nas redes sociais, escriben cunha sorna e un atrevemento que só son posibles dende a fartura: "Se cae unha bomba en Mera quedan sen parvos na meseta".

A anécdota, que se viralizou como noticia, chegou lonxe. Tan lonxe como esa persoa que me escribe dende un lugar a 1.000 quilómetros de aquí, ávida de saber que é iso dos fodechinchos. Non só é curiosa, vive e resiste o resto do ano nunha das cidades máis turísticas do mundo, e a nova, como a verba galega máis repetida nesta época do ano, non lle pasan desapercibidas.

A palabra fodechincho non aparece na mensaxe do bar de Mera, mais todos os medios se fan eco dela. Tampouco hai referencias directas a Madrid e a súa xente, aínda que algunha información sinala directamente os turistas procedentes da capital do Estado. As reaccións, quizais por ese tiro tan pretendidamente afinado, son moitas e notablemente alporizadas. Falan, como é costume, de turismofobia, de madrileñofobia, de xenofobia. Todo fobias para negarse a comprender unha palabra de amplo significado, tan perfectamente construída anos atrás que non fai necesaria a discusión. Non hai trampa na verba fodechincho, hai unha gran verdade que pouco ten que ver coas fobias e moito coas formas e a educación do ollo que nos mira.

Se todo fodechincho é turista, non todo turista é fodechincho. Mal que lles pese a algúns, nós, que tamén viaxamos, somos abondo intelixentes para saber que non é igual quen visita e aprende, contribúe e enriquece a quen coloniza, degrada e insulta. Por moitos motivos sociais e históricos, coñecemos ben esa ollada que se nos proxecta dende arriba.

Pensei moitas veces se a palabra fodechincho non terá o poder de rescatar o gran da palla no debate sobre o turismo e os seus límites. Se nós, que non estamos aínda no nivel de colonización de territorios condenados a vivir de xente que os deteriora, non estaremos a poñer o foco, máis alá da xentrificación e das vivendas de uso turístico, en sinalar a quen nos ve como mulas de servizo que viven no cuarto de atrás.

Comentarios