Esperanza de que?
A esperanza de vida supera por primeira vez os 84 anos de idade no Estado español. A cifra sitúase unhas décimas por riba na Galiza, segundo o INE. Quen convive con xente maior, e non digamos nas áreas rurais, seguramente coñece unha ou máis persoas centenarias. Con moi alta probabilidade, unha muller. Así son os números: as mulleres vivimos seis anos máis, de media, que os homes. Con frecuencia –máis da que calquera desexaría–, pregúntome canta esperanza e canta vida hai na esperanza de vida. Porque chegar á vellez non significa chegar ben.
Mentres a ciencia avanza, Galiza é o cuarto territorio estatal con peor tempo de espera para a dependencia. Case un ano de agarda por unha axuda que ninguén sabemos como imos afrontar. Quen será, que mans terá, quen verá as pústulas e os pudores do noso vello corpo espido. As residencias de maiores, destino que semella ineludible ou imposible, segundo a renda de cadaquén, acusan a precariedade das traballadoras e a privatización esmagadora que ousa concibir o coidado como modelo de negocio.
Que esperanza e que vida podemos agardar sendo maiores prostradas nunha cadeira, aparcadas nun centro con xente diversa, máis cara aquí ou cara alá. Con violencias machistas que non cesan nin alá dentro, e que deixan, tras vítimas célebres como Encarnita Polo, tantas outras anónimas.
No outro lado, no das que coidan, onde somos eminentemente tamén mulleres, que destino nos espera nun sistema público no que non collemos, que xa case estoupa, e a piques de recibir a toda unha xeración de babyboomers engrosando as listas de persoas dependentes. Por que apenas pasados os trinta xa sei o que é ser coidadora, e cantos outros nunca o saberán. Cantas mans poden caber nas nosas mans.
Neste 25 de novembro quero lembrarme dos coidados non profesionalizados, que son violencia. Dos precarizados, que tamén son violencia. Dos orzamentos de Política Social a toda páxina nos xornais, que son violencia. Na brecha de xénero que tanto nos proe nas mans e nas costas, no corpo enteiro, a coidadoras e coidadas. Da vida que a tantas mulleres lles escorrega polo sumidoiro. Por un coidado profesional, recoñecido, digno e ben remunerado. Por unha esperanza de vida que teña esperanza e teña vida.