domingo 17/01/21

Déjà vu

Levamos tanto tempo falando do coronavirus que unha perde rápido a perspectiva das cousas do pasado que un día foron protagonistas do presente. Ver a Ana Pastor sentada onte no plató da televisión pública fíxome lembrar os vellos vicios que nin con novas realidades deixan de aparecer. A vicepresidenta segunda do Congreso dos Deputados acudiu para responder a diversas cuestións que afectan á política e ao seu partido, entre as que non faltou a Operación Kitchen pola que Fernández Díaz, Cospedal, Rajoy e Sáenz de Santamaría poderían estar detrás dunha trama de espionaxe ao extesoureiro do PP Luis Bárcenas.

Alí estaba Pastor, aparentemente serena, diplomática e con ese aire sensato e cheo de razón que a caracteriza. O PP, sempre áxil en materia de salvación, non mandou a calquera. As súas respostas rescataron a esta nova realidade a famosa estratexia raxoiana de botar balóns fóra, mesmo cando a pelota é a mesma antiga bola de corruptelas que só se fixo un pouco máis grande. Contestacións que de xeito calculado mesturaban a crise sanitaria, a Podemos e a posible renovación do Consello Xeral do Poder Xudicial.

“Lo que hay es una investigación de la Fiscalía y nosotros creemos en la independencia del poder judicial”. "A nosotros lo que nos ocupa son las preocupaciones de la gente y los padres que están preocupados por cómo van a empezar el colegio sus hijos". "El vicepresidente del Gobierno ataca al modelo constitucional al decir que los que lo defendemos somos unos retrógrados, como hace Podemos defendiendo la autodeterminación de Cataluña". Non era un déjà vu.

comentarios