Un cucho de dúas cabezas
Meu avó trouxo ao mundo un cucho de dúas cabezas en Guxín, na parroquia de Corme Aldea. Eran os primeiros anos dos sesenta e aínda non había asfalto nos carreiros. Naqueles camiños de gando ninguén reparaba na urxencia. Todo era terra e po, como se a vida xurdise directamente da lama e a arxila.
Alguén telefonou cando a vaca se puxo de parto e alá foi el, sete quilómetros de poeira, o veterinario na trintena que sentira na vocación polos animais o seu deber de servizo público. Todo o mundo sabía que, cando xurdía un problema, os brazos da veciñanza multiplicábanse tanto como podían. Ou os pés. A Pedra da Serpe emerxe como metáfora a uns poucos metros do lugar daquel parto. É unha homenaxe a Santo Hadrián, patrón da parroquia, do que contan que bateu co pé no chan soterrando todas as serpes da zona baixo un monumento de pedra.
Case como recompensa, alguén tivo a ben fotografar o momento do fito histórico do meu avó, envolto ao mesmo tempo pola anécdota e a tristura. "O tenreiro naceu morto", escribiría anos despois miña nai no seu diario. A fotografía do avó co cucho bicéfalo inerte repousa dende entón na parede da casa familiar. Levo véndoa toda a vida, rememorando o momento como se o vivira. O bigote, o pelo crecho, a ollada seria e fixa no cranio tan improbable como real da pequena cría sen vida.
Mentres vexo arder Guxín co lume ameazando as casas volvo a aquel instante. O incendio de 2025 cóase na memoria familiar e sinto o corazón arder. Todo cambiou e todo permanece intacto ao mesmo tempo. Non hai carreiros, senón estradas. Hai hidroavións que o vento non deixou faenar. Non hai tanto gando, tanto carballo nin tanta xente, pero as mans multiplicáronse outra vez como cabezas de cucho. Contan na prensa que é a primeira vez que un lume de alerta dous se extingue en Galicia só con medios terrestres.
Imaxino ao meu avó na mesma urxencia arrodeado de fume. Véxoo como un máis enchendo cubos, deixando paso aos tractores que cargaron auga no porto de Corme. A vila enteira semella posuída polo espírito de Santo Hadrián. Sei que na mesma aldea, na mesma casa, hai aínda un cucho de dúas cabezas que non puido saír con vida. A nai, tan importante para o sustento daquel fogar, sobreviviu ao parto.