CSAG, a apisoadora

A historia da nosa radio e televisión pública podería comezar para toda unha xeración cunha crianza que ve debuxos en galego e mudar nunha programación que esa mesma persoa, xa adulta, apenas recoñece. Median, en tanto, dezaseis anos de goberno ininterrompido duns representantes que manteñen, os máis deles, un respecto de mínimos pola lingua e a cultura propias e a naturalización de que os medios públicos poden e deben empregarse como altofalantes do poder político.

A mutación culminou nas siglas CSAG, onde as palabras radio e televisión desaparecen, como se dilúe a información de maneira cada vez máis xeneralizada na embarullada selva dos contidos. A nova Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia é o resultado da lei de transformación dunha CRTVG de todas que sae adiante co único apoio da maioría absoluta do PP. Como denuncian o persoal, a plataforma Por unha CRTVG ao servizo do pobo e o Colexio de Xornalistas, supón un maior control e intervencionismo do poder político sobre o ente público e unha redución da liberdade de prensa. 

Alén do escandaloso do cambio, que pon o contador da corporación a cero tamén na escolla e renovación dos seus cargos, a reforma traspasa a liña vermella de abrir a porta a contidos en linguas distintas ao galego nunha entidade que, de base, ten –tiña– a difusión da lingua e a cultura propias como prioridade e razón de ser.

Abre, ademais, a posibilidade de externalizar os informativos, como alerta o Comité Intercentros da CRTVG, unha externalización que xera preocupación dende hai tempo, sen que exista ningún órgano de control para velar polo mantemento do servizo público. Clama ao ceo ter que lembrar que todos os medios, mais con especial coidado aqueles nos que se emprega diñeiro público, teñen a responsabilidade de ofrecer un servizo para toda a poboación, e non para quen goberna ou entretén para inflar o share a calquera prezo.

As traballadoras e traballadores da Corporación levan sete anos e 356 venres negros en loita. As mobilizacións de Defende a Galega levaron o recoñecemento do Colexio á liberdade de prensa e chegaron a Bruxelas, que agora vai valorar, por iniciativa do PSdeG, se a Lei de Medios pode incorrer nunha vulneración da normativa europea. A Xunta, mentres, failles luz de gas: o CSAG chega como unha apisoadora para a lingua, a liberdade de prensa e os dereitos do persoal que defende a galega de todas.

Comentarios