Cantaron a nosa sorte

Miña avoa cantou. A túa tamén. Cantou a veciña daquela casa e a daqueloutra, as crianzas na festa, ao pé do cruceiro. Voaron melodías polo aire das redes, o lombo partido e os apeiros. Cantou a tátara tátara tátara tatara-avoa devanceira que non legou o apelido, mais si un anaco da alma. Elas, xenuínamente elas, entoaron o fío da nosa historia, e por iso son, sen marxe para debates ocos, literatura.

Sono tanto ou con máis razón que os medievais Martín Códax, Johan de Cangas e Mendinho, tan celebrados naquelas Letras Galegas de 1998 que transcenderon para min, con sete anos e por moito tempo, máis que ningún outro, que ningunha outra. Outra que non houbo ata pasadas nove voltas ao sol, máis as once anteriores.

Non atopo en María Mariño, en Rosalía de Castro, en Xela Arias, en Luísa Villalta, fíos moi distintos aos da voz máis próxima. A dúas voces, miña avoa cantaba con súa nai nunha cociña de leña. Dúas mariñás de Mondoñedo cantándolle ao peixe. Teceron coa gorxa a memoria histórica familiar, como biberóns de leite morno que foron pasando de bico en bico. Eu non o vin, mais chegoume. Emitiron, quizais sen pensalo, o legado desoxirribonucleico de toda unha caste. De outras que o fixeran moito antes, convertendo a cotiandade en memoria. De tantas que cantaron o que non se podía falar.

Se andivemos un camiño, elas estiveron en cada chanzo de lama e pedra, en cada aldea, en cada cociña na que se gorecían nuns tempos que só podemos imaxinar polas cancións. Todas son cultura, música, antropoloxía, agochadas durante tempo na beira dos ríos e as corredoiras dos montes ou tras os muros dalgunha casa humilde. Soubérono Ruth Matilda Anderson e Dorothé Schubart, que viñeron dentro e miraron dende fóra. Recolleron as fotografías, os escritos e os cantos que sabían un diamante en perigo de extinción. Son, como sal na ferida do androcentrismo e o complexo, literatura.

Sorte que Galicia é hoxe unha muller de medio século que algunha vez tivo unha casa na aldea. Quizais por iso elas aínda seguen aí, como un triunfo. Levamos as súas mil voces a rastro nun mundo onde cantar, tocar e bailar xa non é a normalidade dunha casa. Sorte que deixaron ben firme a raíz. Porque elas, cantareiras dun mundo que latexa no ritmo e a emoción, son a nosa base arbórea, de onde todo emana. Hoxe cantámolas a todas, de Mens a Muxía, de Mondoñedo a Cerceda, con letras, con samplers, con orgullo e sen complexos. Sorte que cantar, cantaron. A nosa sorte.

Comentarios