Bloqueemos a barbarie

Unha sucesión de crianzas camiña coa bandeira prohibida. Nun intercambio de corpos intermitentes, as catro cores, as da sandía, refulxen con fulgor no escenario de lume, de ruína, de fantasía ou da nada do deserto. Camiñan, mais non avanzan, por moito que o chan se mova baixo os seus pés. Os límites da pantalla bloquean os pasos. O vídeo compárteo Manu Chao coa súa canción Me gustas tú. Nenas e nenos reais, debuxados, tridimensionados, nunha marcha cara diante que sostén o corazón do mundo. Poderían ser calquera crianza, de non ser por que non o son. Só aquelas condenadas polo lugar onde naceron sofren o bloqueo, a prohibición e o silencio. “STOP THE GENOCIDE!!! STOP ARMING ISRAEL!!!”, escribe Chao. E iso tamén é música.

Partillo o vídeo en Meta. A rede social informa de que a melodía foi silenciada. Algo pasa cos dereitos no meu país. Silencio, dereitos e países. Unha gran metáfora que non é miña. Horas despois, a música volve soar. É intermitente, como a sucesión de crianzas. Vai e vén, como as bombas, como as imaxes que nos chegan, malia a censura do Estado e o algoritmo. Outra metáfora.

Todo arredor de Gaza é un bloqueo. A entrada de alimento. A flotilla humanitaria que volve a porto pola mala mar. As kufiyas e as manifestacións. O concepto de terrorismo. O deeply concerned da Unión Europea e o seu silencio que mata. As armas que venden. O masacre que financian. 64.000 persoas asasinadas na Palestina dende outubro de 2023. Resposta desmedida ás 1.195 do 7 de outubro.

A piques de tocar o aniversario da barbarie, aumenta o risco de que o xenocidio cometido polo Estado de Israel tamén nos bloquee a nós. Que o silencio, a censura e o intolerable nos fagan alleas, cegas e insensibles, capaces de non ver por ser incapaces de aturar. Mais eu creo noutro bloqueo. Bloquear a mentira, o silencio e a ousadía de quen perdeu toda noción de humanidade.

Unha horda de xente coa bandeira prohibida boicotea a final da Volta Ciclista en Bilbao. Unha influencer explica como migrar as nosas listas de reprodución a unha plataforma distinta, que non colabore coa matanza de seres humanos. Noor Ammar Lamarty puxo este verán a kufiya a modo de saia, tornando o frívolo en mensaxe. Eu fixen as uñas de sandía. A xente mira, e sei que entende. Algunha alégrase, transmítemo. Outra observa con cautela. A flotilla da dignidade retoma o rumbo. Vento nas velas. Bloqueemos a barbarie.

Comentarios