Autor, obra e repugnancia

A morte de Mario Vargas Llosa fixo correr a palabra como non acontece con moitos autores internacionais. Entre mensaxes de dó, de nostalxia e brillantes anécdotas sobre a vida e a obra do escritor peruano, reavivouse –outra vez– o sempre animado debate sobre a cancelación e o oportuno ou non de lembrar as miserias dun personaxe de renome cando falece.

Boa parte dos articulistas e bookstagramers –persoas que divulgan sobre literatura nas redes sociais–, na súa maioría homes, agasallan con sumarias reprimendas a todas as persoas que ousan traer a colación os alardes conservadores, ultraliberais e antifeministas protagonizados nos últimos anos por Vargas Llosa. Acúsanas de cancelar un autor que nos últimos anos da súa vida estivo máis presente que nunca non só pola súa literatura, mais esta está tamén innegablemente atravesada polo seu pensamento político e a súa vida sentimental.

Algúns pretenden correr o pano sobre un posicionamiento do que o propio Vargas Llosa fixo gala en vida, e sobre unha faceta privada que ocupou, co seu permiso, unha ducia de portadas da revista do corazón máis cotizada mentres foi compañeiro sentimental de Isabel Preysler. Prefiren obviar que o escritor asombroso que acadou o cumio das letras latinoamericanas e universais pasou de achegarse ao castrismo a simpatizar abertamente, ante os focos e coa súa propia man de columnista, co ultraespañolismo de UPyD e a ideoloxía de José María Aznar, ou a apoiar a Jair Bolsonaro no Brasil ou a Javier Milei na Arxentina.

Prefiren tapar o feito de que a nai dos seus fillos, e a súa curmá, Patricia Llosa –sobriña da súa primeira muller, Julia Urquidi (La tía Julia y el escribidor, novela á que ela respondería en Lo que Varguitas no dijo)–, foi facilitadora da súa vida e a súa coidadora na vellez. "Durante un tiempo la dejó por Isabel Preysler, pero volvió a su lado", subtitula El Mundo. Era "la mujer perfecta" para o escritor, afirma un dixital. A muller que sostivo o home que o 18 de marzo de 2018 escribiu en El País: "El feminismo es hoy el más resuelto enemigo de la literatura, que pretende descontaminarla de machismo, prejuicios múltiples e inmoralidades". Actos e palabras que o propio Vargas Llosa deixou como legado para a historia, e que irremediablemente me levan a estes versos de Louise Glück (Nobel de Literatura en 2020). "Afortunadamente, estás morto; / de outro xeito, repugnaríate".

Comentarios