Aquela outra xente
Unha imaxe róldame a cabeza dende hai xusto unha semana: cinco cabras mortas formando unha ringleira no chan. Eran de Manuel, veciño da Caridade, en Monterrei, onde o lume de hai oito noites as levou por diante. Dúas xacían á porta da corte. Puideran saír pola mínima cando a Garda Civil chegou e abriu o portón, pero non lograron seguir con vida. Morreron, como náufragas, na beira da última esperanza.
Aqueles animais fixéronme pensar en Margo Pool, a holandesa de Santoalla que inspirou o filme As bestas. As cabras son as súas compañeiras de vida dende o crime que lle arrincou o seu home para sempre. Son, todas elas, as únicas habitantes da decadente aldea de Petín, en Valdeorras, xunto con cans, gatos, galos, galiñas, numerosas especies silvestres e unha egua. Cabras con identidade para unha humana que está soa, pero non se sente soa. "Teslle nome a todas?", pregunteille. "Si, a todas. Todas son diferentes e teñen o seu carácter", respondeu. Sen consultar con Manuel, sei de sobra que as leiteiras que lle morreron hai uns días tamén tiñan nome.
Na mesma mañá vin tamén un pequeno podengo, vivo. Deambulaba dun lado a outro sen perder de vista a humana que entraba e saía da panadería, un instante de pausa despois dunha noite de loita, faísca e fume. Na ollada do can residía o medo, o desacougo, a desesperación. Ninguén miraba por el, non había tempo. Onde iría, de quen sería, a quen perdería. Cal será a súa noción do tempo. Lembreino de novo cando as redes viralizaron o vídeo dun pastor alemán apagando, atafegado, as lapas dun lume coas patas, coa boca, co impulso da supervivencia. O podengo frea e senta ao pé do cruceiro. Semella un loito.
As imaxes dos lumes van traendo a fauna. A outra xente, como a nomea Antonio Sandoval, está aí malia que non a ollemos. O raposo, o paxaro, o gato nómade, o corzo pequeno. Na aldea do Couto, en Ponteceso, a veciñanza estraña hoxe o pastor do último rabaño de ovellas. "Con elas todo isto estaba limpo", afirman. Na rapa de xuño, na serra da Groba, as persoas que coidan das bestas ceibes piden axuda. Cada ano van a menos. "Aquí non arde dende 2006, o cabalo fai un labor imprescindible".
As persoas non humanas non son a alteridade. Viven, conviven con nós, respiran o mesmo aire negro que se coa no bosque e polas portas. Aquela outra xente que se agocha de nós sae á luz das chamas e trae a lección. Ante o lume, somos a mesma xente.