Apocalipse now

Lonxe dos augurios e os agoiros, a intelixencia artificial (IA) veu constatar algo que xa advertían antes os piares da creación, como os filmes ou a literatura: a realidade case sempre supera a ficción. É así como, nunha imaxe creada con IA e divulgada nas redes pola conta @escolaunitaria, vemos os apóstolos do Pórtico da Gloria sostendo un xeneroso vaso de café (dous terzos son leite batido) dunha multinacional estadounidense que nomea as especialidades con nome propio, como fan, dende a irrupción demoledora do primeiro capitalismo, as grandes cadeas de comida rápida.

A imaxe non é un erro, só unha recreación/alegoría/metáfora do que temos enriba: o emblemático edificio do que fora o Alameda en Santiago de Compostela está a piques de se converter nun deses establecementos de café a seis euros, onde tamén se poderán atopar batidos de froita e unha variedade de almorzos, merendas e petiscos ultra-procesados. Todo aderezado cun nome exótico e co manuscrito de rotulador permanente do noso propio, acompañado, ás veces, dun corazonciño ou unha cara que sorrí e chisca un ollo, en contraposición co ánimo do ser humano sobre-explotado que nos atende.

A perda do edificio de Porta Faxeira é a metáfora, sen IA, da perda dos espazos públicos para as dinámicas do consumo. A perda de calidade de vida de quen vive en favor de quen visita. A perda do noso, no fondo e na forma, para monetizalo e facelo inaccesible para nós mesmas. Só hai que dar unha volta polo centro (e non só) de calquera área urbana ou semi-urbana da Galiza, mentres a alternativa que nos ofrecen é o illamento ou o abandono nun rural pensado como cuarto de atrás.

O capitalismo é salvaxe, xentrifica o lugar da xente e acontece a cámara lenta, malia a rapidez do tecnolóxico. Vai rillando, pouco a pouco, na cultura, a lingua e o patrimonio que, cómpre non enganarnos, son o único que temos e teremos xamais en propiedade. A IA, como a tecnoloxía toda, só é un reflexo do que hai, o produto de todo un sistema que nos berra que prescindir del é ficar no atraso, mentres o soldo, o teito, a capacidade de compra, todo retrocede a un tempo no que non había diñeiro para mercar.

Filmes, pinturas, libros, amosan imaxes apocalípticas de mundos que rematan. Este, o que pisamos, vive nun impás de agoiro como as aspas que non cesan, mentres o mundo vive de costas a solucións próximas que non lle rendan ao sistema. Esta apocalipse non remata, porque acontece agora.

Comentarios